O foco no idioma

OPINIÓN

César Arxina

28 may 2021 . Actualizado a las 10:18 h.

A Real Academia Galega presentou recentemente o estudo Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO, realizado no marco dos proxectos do seu Seminario de Sociolingüística. Os seus resultados acadaron unha notable difusión pública, o que é un síntoma de que a cuestión da lingua está na axenda pública en termos positivos: os seus problemas apúntanse como asuntos que preocupan e que demandan solucións. Proba disto é a aprobación por unanimidade, no Parlamento de Galicia, dunha proposta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, para que a TVG cree unha canle de programación infantil. Semella superada a polémica que tempo atrás fixo moito ruído, artellada sobre falsos dilemas como a tristemente célebre «imposición do galego» contraposta ao espellismo da «liberdade de lingua». Arestora é fundamental colocar no centro da deliberación pública diagnósticos elaborados con rigor e propostas maduras. Se o galego está no foco, cómpre tino para acertar no enfoque.

Como demostra o rexeitamento no Parlamento galego, por parte do Partido Popular, da proposta de convocar os axentes socias e educativos para re-deseñar o modelo lingüístico no ensino, isto non é doado. Os problemas da lingua son moi complexos por diversas razóns: porque poden contemplarse desde puntos de vista diferentes, porque están inzados de material inflamable (sentimentos, prexuízos e paixóns), porque neles se cruzan intereses contrapostos, e porque adoito son pasto de feroces batallas políticas. Pretender conciliar esas contradicións é tarefa quimérica, pero colocar o foco sobre os asuntos máis importantes para ver de construír consensos amplos, malia todas as dificultades, é indispensable. Desde o punto de vista da lingua, tres son os elementos que conforman o «círculo virtuoso» do idioma: competencias (saber), motivacións (querer) e prácticas (poder). Os tres son imprescindibles e se alimentan mutuamente: eu non podo falar un idioma se non o sei, se non teño ocasións para utilizalo e se carezo de motivación para facelo. E cantas máis oportunidades teño de empregalo, mellor saberei usalo e máis vontade terei de facelo, etcétera.

Na perspectiva social, compoñen o círculo virtuoso cinco elementos: as familias, que transmiten o idioma; a comunidade, que o valoriza; as institucións públicas, que o promoven; as empresas, que o difunden, e, os individuos, que o empregan. Todos estes elementos constitúen un ecosistema no que interactúan entre si. Cando os poderes desmerecen o idioma, as empresas se inhiben, as autoridades miran para outro lado..., éntrase no círculo vicioso do abandono: a comunidade desvalorízao, as familias renuncian a transmitilo e os individuos deixan de usalo. En todo ese conxunto, o sistema educativo -que xa non é só as aulas: son as actividades formativas, deportivas, recreativas, comunitarias, ...-, os medios de comunicación e as industrias da cultura e o lecer teñen un papel fundamental. Velaí a importancia das políticas lingüísticas, comezando polos gobernos e seguindo polas institucións educativas, os medios de comunicación... ata chegar ás familias. Cómpre re-enfocar os problemas. Son precisas novas políticas lingüísticas para encarar o futuro.