Lealdade e infidelidade

Pedro Puy
Pedro Puy AL DÍA

OPINIÓN

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A televisión triunfa con programas en aberto sobre relacións de parella tamén abertas en illas poliamorosas. Luisgé Martín gaña o último Premio Herralde cunha novela tamén promiscua, Cien Noches, na que os seus protagonistas, Irene e Adam, chegan á perturbadora aínda que intuitivamente plausible conclusión científica de que a lealdade persoal non está rifada coa infidelidade. Mais os dicionarios, Real Academia Galega incluída, aínda consideran que lealdade e fidelidade son sinónimos. Só nalgún online, probablemente máis ao tanto das novas formas de convivencia sentimental, se precisa que nas relacións abertas a fidelidade non é sinónimo da lealdade. Unha identificación semántica que se mantén nos diccionarios pese a que a etimoloxía xa nos aporta algunha pista, pois fidelidade remite á fe, concepto máis ben irracional; mentres que lealdade evoca á lei, ou sexa, a aprobación de convencións sociais e normas que restrinxen o comportamento individual coa finalidade de garantir a convivencia en paz.

É precisamente no ámbito xurídico no que a palabra lealdade adquiriu un significado propio, distinto da fidelidade. As súas orixes remóntanse a Bismarck, quen introduciu o termo da «lealdade federal» no contexto da construción do Estado alemán a finais do XIX; pasa despois a varias constitucións europeas de corte federal no século XX (Suíza, Bélxica, Austria, República Federal Alemá e Italia); e a partir do 1978 chega ao noso ordenamento (confirmando o carácter federal da nosa Constitución), primeiro a través da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, para incorporarse despois á lexislación (na Lei do Réxime Xurídico das Administracións públicas en 1999, ou na Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas en 2001). Precisamente o Tribunal Constitucional ten sentenciado sobre a diferenza entre a lealdade e a fidelidade á Constitución (na Sentencia 122/83): a lealdade non leva, como a fidelidade, unha adhesión ideolóxica integral ao texto constitucional; senón ao compromiso de aceptar as regras do xogo político vixente. De onde derivan a dimensión institucional da lealdade, que funciona como principio de actuación entre as administracións; e a dimensión financeira, que implica que as decisións unilaterais dunha administración non poden afectar aos recursos dos que dispoñen as demais administracións. Principio que constitúe «un  soporte  esencial del funcionamiento del Estado autonómico y cuya observancia resulta obligada» (STC 13/2007).

Acabamos de coñecer a sentenza do Tribunal Supremo a favor da Xunta a respecto da débeda que a Administración Xeral do Estado tiña con Galicia, tras liquidar o Goberno socialista só 11 mensualidades da participación autonómica no IVE recadado no noso país no ano 2017, e non 12 como marca a lei. Uns 204 millóns de euros. A sentenza deixa claro que o Goberno socialista incumpriu o principio de lealdade institucional con decisións que prexudicaron a Galicia (ao igual que ás demais comunidades autónomas), a pesares dos reiterados intentos da Xunta por reconducir co diálogo a situación; e por iso condena a o Estado a repoñer o quebranto producido á facenda galega.

A Xunta contou neste proceso co respaldo do grupo maioritario. Pero non co da oposición… Co dos nacionalistas ás veces, salvo cando interfería con outras lealdades ideolóxicas máis intensas (a soberanía fiscal total). E nunca co dos socialistas galegos: nestes case tres anos nunca foron quen de distinguir entre a lealdade institucional e a fidelidade ás siglas. Se leran a Luisgé Martín comprobarían que se pode ser leal, mesmo practicando de cando en vez a infidelidade.