O galego na Administración

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos que adaptarnos aos tempos da era dixital. Enténdoo. Pero, para iso, deben ofrecernos as ferramentas axeitadas. Hai máis dun mes que tiven que presentar unha factura dixital. A administración permite facelo, de xeito gratuíto, mediante a ferramenta FACe. Alá fun. Xa lles comunico que os dous teléfonos que había para poñerse en contacto co soporte técnico deixaron de funcionar no 2019. Ben me terían axudado se alguén me puidese resolver as dúbidas... Pero é practicamente imposible.

A pantalla que utilizamos os usuarios non é a mesma que reciben os funcionarios. Así que, cando me rexeitaron a mesma factura varias veces, intentei que eles me indicasen cal era a eiva do IRPF. Nos correos electrónicos xa se me indicaba que non aparecía no recadro correcto. Pero... onde atopar o recadro correcto?

Pois os funcionarios non saben explicarme porque eles non usan o programa para xerar facturas. Enviei un correo ao único enderezo que atopei, onde me responderon axiña dicindo que FACe non ten soporte técnico. Ou sexa, que se teño unha dúbida non hai quen me responda.

Pero como unha é teimuda, estivo indagando e perdendo decenas e decenas de horas ata decatarse de que, posiblemente, é que na versión galega da aplicación o IRPF apareza como PIT, é dicir, Personal Income Tax, o seu nome en inglés.

Acabáramos! Que teño que baixar a aplicación en castelán, vaia. Pois négome. O problema é que sigo sen cobrar, porque os funcionarios non teñen certeza de que o PIT sexa realmente o IRPF...

A Administración, daquela, non fomenta o uso do galego, non. Castelán ou inglés, señores. Se por coherencia persoal baixamos a versión en galego o máis probable é que perdamos horas buscando o IRPF e acabemos por non cobrar. Como premio ao fomento da lingua propia.