A voltas coa lingua galega

Mª Pilar García Negro DECOTÍO

OPINIÓN

Lavandeira jr | Efe

19 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo meu oficio, colecciono textos varios sobre a lingua galega. O abano é heteroxéneo, pois é un tema-imán que suscita moitas opinións e, mesmo, altisonantes ditames. Tamén prognósticos que, polo xeral, predican máis do emisor que do obxecto comentado. Concordo co xuízo expresado por Xosé Luís Barreiro cando valora que cómpre falar do tema con liberdade. A ela apelo para me declarar fascinada pola tese que sostén que o declive da lingua galega se debe a quen a usa. Claro que esta atribución non se expresa así. Dise que o problema reside en ela ser distintiva do nacionalismo e, por aquí, contaminada por parcial ou grupal, adherida a unha militancia e, xa que logo, limitada a súa expansión.

O corolario desta posición, loxicamente, debera ser rachar tal perniciosa e restritiva asociación. Como? Coa práctica masiva do uso oral e escrito do galego por parte dos non-nacionalistas. Collan a batuta, por favor! Asuman animosamente a dirección da política lingüística conducente á disociación! Acaso non é o galego patrimonio de todos? Demóstreno. Constitúanse en referentes cualificados que, na crítica ideolóxico-política do nacionalismo, ofrezan activos modelos de galeguidade apolítica, de dereitas, de esquerda, de centro ou mediopensionista. Devecemos por encontrarnos no camiño. Mágoa que non leamos moitos máis artigos en galego; sintamos moitos máis programas radiais e televisivos en galego; aprendamos moitas máis matemáticas, química ou tecnoloxía en galego (prohibido); sexamos atendidos polo xuíz ou polo médico en galego; recibamos os avisos do Sergas en idem; poidamos ir á misa en galego sen procurar con lupa as igrexas onde isto é posíbel; os nosos fillos poidan familiarizarse gradualmente co galego a base de xogos, cancións, vídeos, contos e, por suposto, materiais escolares e libros de texto... Seguimos?

X. L. Barreiro foi axente principal, no século pasado, da creación da CRTVG. A súa lei fundacional é sistematicamente vulnerada. O único artigo prescritivo da Lei de Normalización Lingüística (o 10) determina a toponimia correcta. Ambas conquistas son acaso alleas a unha loita social e política, nacional, ante-institucional? Ou acaso caeron do ceo? Como se defende, en fin, un idioma? Coa súa práctica ou coa súa exclusión? Como se fabrica a súa utilidade? Dotándoo de uso pragmático, audíbel e visíbel socialmente, ou condenándoo ao desuso ou ao rocho do ritual inservíbel? É unha parte minoritaria da sociedade galega a que opta polos primeiros elementos do binomio. A súa virtualidade é non querer ser minoría. Mesmamente.