Un escaravello no corazón

María Canosa
MAría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Necesito boas novas. Penso que nos fan falta na sociedade, en xeral. Por iso me emocionou saber da historia de Marcelo Siqueira, un brasileiro de case 90 anos, que fora profesor.

Marcelo tiña un amor, o seu coche, un Volkswagen que se achega moito ao medio século «de idade». Debeu ser un bo compañeiro de viaxe, no sentido literal e romántico da expresión, porque pasou máis de media vida ao seu carón, acompañándoo e, en parte tamén, definíndoo. O seu escaravello era coñecido en todo o barrio. Coidáronse mutuamente.

Vivimos tempos complicados no mundo enteiro, pois o virus e a pandemia non entenden de fronteiras. As penalidades afectaron tamén ao antigo profesor que, para facer fronte á súa economía, tivo que desfacerse do coche.

Quizais non foi o único sacrificio que tivo que facer ao longo da súa historia, pero cando un chega ao inverno do periplo vital, calquera ausencia é difícil de levar. Máis aínda sendo unha boa persoa, dadivosa, coma o definen os seus alumnos. É por iso que decidiron organizar unha recadación económica para recuperar o coche, melloralo e devolverllo ao antigo dono, facendo disto un lindo reencontro.

Pareceume non só un acto fermoso, tamén de xustiza. El influíra positivamente na vida dos seus alumnos, agora era tempo de recoller a sementeira.

Marcelo, como non, emocionouse. Eu tamén. E quizais vostedes ao ler estas liñas. Porque temos corazón e sentimentos, aínda que ás veces queden agochados detrás das leas insulsas.

Máis novas así. Máis xente así.