Demasiadas balas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Oscar Vazquez

10 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai demasiadas balas. Un auténtico exceso.

E cando alcanzan, como mínimo, fan un gran dano. Ás veces, tamén matan.

Vexo voar balas continuamente. Quixera que se convertesen en pardais, ou andoriñas, mais son proxectís nunha busca infalible do seu obxectivo. Hai balas dialécticas, balas de metal, balas traizoeiras, balas que desgarran, balas feitas de mentira.

Demasiadas balas.

Cambiaríaas por diálogos intelixentes cheos de educación. Porque a razón é máis forte que a falsidade.

Mudaría o duro e frío metal por tenros e cálidos sorrisos, que poden verse incluso detrás das máscaras. A traizón combátese con compromiso, con lealdade, con altura de miras. Tentaría xuntar en lugar de esgazar. Sumar sempre é fermoso. E a mentira... a mentira derrúbase ante a verdade.

Menos increpar, máis valorar. Menos impoñer, máis empatizar. Menos derrubar, máis construír. Multiplicar fronte a dividir.

Sóbranme balas, mentres noto (porque fere) a falta de comprensión, cordura, responsabilidade.Poesía e lirismo.

Antonio García Teijeiro é un dos nosos escritores Premio Nacional de Literatura Infantil. É autor, entre outros libros, de Bicos e non balas, unha antoloxía de poemas do autor que versan sobra a paz. Porque da nosa boca poden saír balas, pero tamén bicos, por iso este libro berra e libera versos que procuran tregua, calma, vida.

Cada vez máis, hai unha cantidade inxente balas e un déficit bicos, e versos. Pidamos e esixamos (xa que os dirixentes teñen a obriga de servir á sociedade) a paz.