Os bancos e os anciáns

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

04 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece unha conspiración para botar aos vellos dos bancos. Non me refiro aos bancos do paseo, que os usuarios souberon defender con resistencia numantina, senón ás entidades onde gardamos o diñeiro. Eses conseguiron quedar cos aforros de xubilados e demais membros da terceira idade e botalos fóra das oficinas.

Cóntolles o proceso. Na miña oficina hai tres anos había cinco empregados: a directora no seu despacho, a caixeira tras o mostrador, dous en cubículos protexidos por biombos e unha empregada moi simpática que atendía aos clientes tras unha mesa. E había unha especie de canapé onde podían sentar tres persoas. No exterior había un caixeiro automático. Nun ano, desapareceron os dous empregados cos seus correspondentes cubículos. E apareceu un caixeiro no interior da oficina. Pouco despois o horario de caixa reduciuse de 9 a 11. Fóra dese horario, a caixeira axudaba aos anciáns para sacar diñeiro da máquina.

Ao longo da pandemia cambiou a directora, desapareceron a empregada simpática, o canapé, a comunicación telefónica (ninguén colle o teléfono) e o servizo de caixa, substituído por un cabalete do que colga un cartel coas direccións das oficinas que teñen ese servizo. Os anciáns que aínda chegan á oficina chaman con angustia a familiares e achegados en petición de axuda. As restricións de persoal e de espazo débense ao desexo de diminuír custos. Así poden seguir pagando soldos fabulosos e repartir bonus aos directivos. E os vellos e os despedidos, que se… amolen.