Naceu Fran (fillo de Inés e Francisco), o segundo neto do gran Paco Mariló. Primeiro foi Daniela (filla de Goretti e Víctor), unha marabilla, e agora nace esta prenda preciosa que leva o nome do meu amigo. Chameino, obviamente. Faltoulle pouco para botarse a chorar. Dous netos, recentemente vacinado, pleno de saúde e con ganas de facer unha celebración por todo o alto. Non vai poder ser. Cautela, prudencia, sentidiño. E con esas andamos. Creo que levo máis de catorce meses sen abrazar ao meu amigo e tal circunstancia xa resulta insoportable. Polo tanto é preciso conxurármonos contra o covid. Porque fronte á súa malicia, hai seres que nos devolven a bondade en cada segundo. Fran, por exemplo. Naceu con abril, que quere dicir abrir: abrir as portas dun novo tempo. A felicidade, talvez. Declárome canso e farto das malas noticias. Declárome canso e farto das cifras pérfidas e das tristezas. Declárome canso e farto desta época que non podo soportar. Polo tanto, dende esta contraportada, reclamo a reconquista da felicidade. Porque non todo son negruras. Está Fran, tan lindo. Respirando. Saíndo a correr a vida, con catro días: esta vida que debe abandonar o lado escuro e os pesares. Fran é optimismo. Detrás de todo isto, está el. A súa luz e a súa ventura. A risa do meu amigo mentres falaba comigo por teléfono porque hai semanas que non nos vemos. A alegría ditando o seu pentagrama de música de baile, agarrados, bicándonos, brindando coa mesma copa. Temos o deber urxente de mirar a Fran. Aos nenos que nacen. Pese as malas noticias e as noticias dos malos (esta cloaca en que se está convertendo a campaña electoral madrileña). Pese a Caín, queda Abel. Queda Fran. Queda a vida.