Auga, ortografía e humor

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

24 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Albricias! Gaudeamus temos! Venturoso día o de onte, 23 de abril, Día do Libro, en que por fin vin corrixido na televisión o anuncio publicitario dun teléfono móbil, presentado polo actor Antonio Resines, que o compara cunha auga mineral e di: «Si a esta agua le quitamos…». Levaba semanas en pantalla repetindo un «Si a este agua…» que soaba nos oídos de calquera amante do idioma como unha matraca estrondosa. Malo que Resines, con mil lecturas no miolo, non saiba que en castelán agua é substantivo feminino e que dicimos el agua e non la agua por razóns de fonética; malo que non o saiba o guionista do anuncio, nin cantos participaron na realización e edición, nin os clientes que o aprobaron. Malo que ningún recorde o refrán «Nunca digas de esta agua no beberé», que podería valerlles de guía. Todo é malo, pero peor é comprobar que o deterioro do idioma castelán é pandémico. En canto busquei o refrán en Google, apareceu un artigo do xornal dixital okdiario, dirixido por Eduardo Inda, que se declara «el más atrevido de España», e no titular di: «Origen de la expresión ‘De este agua no beberé'». No texto repítese varias veces o desaguisado e está na Rede desde maio de 2018. Non é un caso illado. Erros da mesma importancia hainos noutras publicacións.

Hai anos, oínlle contar a José Luis Cuerda que os seus guionistas eran xente nova, todos competentes pero con pésima ortografía, e, cando tentaba corrixilos, ollábano como a un vello carcamán e reaccionario. A cousa non é nova. Julio Camba falaba en 1941, no artigo Sobre la sintaxis y la sinceridad, dun personaxe que reuniu a varios amigos para lerlles un texto literario que ía dar á imprenta e, como un lle fixo notar certas faltas de redacción, respondeu: -No importa. Así tendrá el documento un mayor carácter de sinceridad y energía. A que recorda os comentarios dalgúns dos nosos políticos e políticas? Camba, habilísimo co escalpelo da ironía, ridiculizou o autor e o argumento, como faría hoxe cos da linguaxe inclusiva.

Non é allea á corrupción do idioma a RAE, que nin limpa, nin pule, nin dá esplendor; porque remata aceptando as barbaridades que xornalistas, políticos e influencers facemos virais. Cando os académicos do XIX vían en Cervantes un enxeño leigo a quen a pluma se lle volvera fecunda por casualidade no Quixote, o escritor británico Laurence Sterne descubría nel o creador da novela moderna e do humorismo. Admirouno tanto que cando se puxo a morrer quixo formar parte dunha Santa Compaña de escritores que deixaran o mundo con risas e bromas, encabezada por Cervantes. Broma pesada foi perder os restos de Cervantes no convento das Trinitarias en Madrid cando levaba cincuenta anos morto, e broma de pésimo gusto o anuncio da súa aparición o 11 de marzo de 2015 para que a alcaldesa Ana Botella lle dedicase un monumento antes de conmemorar, en 2016, o cuarto centenario do pasamento do escritor. A Sterne non lle foi mellor. Roubaron o seu cadáver e vendérono á Universidade de Cambridge para estudos de anatomía. Un alumno recoñeceuno e devolveron os anacos á terra. Seguro que onte celebraron xuntos o Día do libro no Parnaso, rindo das súas desventuras e brindando con viño de Esquivias, que Cervantes tiña por divino.