Todo o que non é amor

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Antonio Lacerda

19 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Amor. Por definición é o sentimento de profundo afecto cara a alguén.

Do mesmo xeito, afecto representa o sentimento de cariño, simpatía.

Parece sinxelo de definir, non cren? Está bastante claro. Por que, daquela, parece que se estea precisando un decálogo do amor? Sería un pouco antinatural, pero ás veces é necesario. Con todo, moito se ten falado disto xa, pensei que avanzaramos con xeito. Que ilusa!

Controlar a parella non é o amor. Por moito que alguén o queira disfrazar de romanticismo. Nunca, xamais. Non o permitamos.

Amor é acompañar, non invadir. Amor é respectar, non asoballar. Amor é dar a man, non invadir o espazo. Amor é conceder, non vixiar.

Amor é permitir que tomes as túas propias decisións, sen impoñer as miñas.

Por se a alguén non lle quedaba claro, lexislouse a este respecto. A violencia tamén se combate con xustiza. Pero nunca, nunca, nunca, agochándoa ou camuflándoa.

Haberá (porque xa o escoitei) quen me diga que, falando de xustiza, habería que ter en conta os dereitos do amor, cos que tanto se especula estes días. O amor... ten dereitos? Ten dereito a ser libre, que é dereito e deber a un tempo. Poñan como se poñan, calquera outra cousa, non é amor.

Nunca me gustou a moda de simbolizar a unión dunha parella cun cadeado, porque, precisamente, é o contrario. Así que non pretendamos achegar, adozar ou arrimar a ninguén a este tipo de condutas e moito menos, por suposto, ser escaparate e difusor de ideas contrarias.

Todos temos responsabilidade. Individual e social.