A pequena escavadora

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MAXAR TECHNOLOGIES

Unha pequena escavadora. Esa foi a gran heroína na restauración do tráfico no Canal de Suez. A retranca non tardou en xurdir e as brincadeiras coa imaxe da pequena máquina ao pé do inmenso buque inundaron inmediatamente as redes.

Pero a realidade era esa, a mini-máquina, a máis sinxela, a humilde... ao pé do canón.

Fíxome lembrar a concepción que manexo da enxeñaría civil. Ao pensar nesta disciplina é habitual que se asocie á imaxe de grandes piares, de pontes maxestosas, portos internándose no mar profundo... E a condución de augas residuais? Que me din de impulsar a auga a un depósito, por un monte onde non hai nin camiños, para levala a un depósito e que logo os veciños poidan ter auga con presión suficiente ao abrir a billa da cociña?

Non é nada grandilocuente, non vai aparecer nomeado en ningún sitio, non lle darán un premio de renome. Pero é a vida. E é a esencia da enxeñaría civil, estar ao servizo da sociedade.

Sempre tiven querenza por estas obras modestas e habitualmente invisibles. Pareceume unha boa oportunidade, a imaxe da escavadora soa fronte ao mundo, para reivindicalas. No fondo, é unha lección que se pode estender a moitos aspectos da vida. Non debemos desprezar o pequeno, o nimio, o humilde, porque é igual de necesario e importante que o grande, o maxestoso, o fachendoso.

Debemos ser coidadosos cos brillos das cousas. Son os que chaman a nosa atención, inevitablemente, pero tamén poden cegarnos. E a vista, xa se sabe, hai que coidala. É un ben moi prezado.