Anglicismos


Temos unha especial querenza por usar termos estranxeiros aínda tendo os nosos. Coma se iso nos fixera máis modernos, máis listos ou máis interesantes.

Work in progress non vai máis alá de dicir que estamos traballando. E facer running non é diferente a saír correr.

Que me din do coworking? Pois é arrimar o ombreiro, que xa se fixo toda a vida nas aldeas cando se xuntaban «as casas» para facer a matanza, recoller as patacas ou empacar a herba. Iso si era top, é dicir, o máis, estar no cumio.

Pero claro, as celebrity, ou famoseo, comezan a empregar eses anglicismos... e xa quedan. Que bonito sería tamén empregar palabras que só son nosas. Hai días lía no Twitter a unha moza que se sorprendía porque «timbrar» só existía en galego coa acepción de chamar ao timbre. Tivo certo eco. Fíxome pensar en que deberiamos exportar nós algún termo, no canto de importar tantos.

A min sorprendérame dicirlle a uns coñecidos que non colleran daquel pan porque era reseso, mentres me miraban con cara de incógnita. Que tiña o pan? Por que non lles ía gustar, se tiña boa pinta? Houbo que explicarlles que era pan duro. E claro, puxémonos a falar de pan, de ovos fritos con chourizo e pan esmagado e... tampouco sabían o de esmagar. Hai termos, obxectos e sentimentos que temos en propiedade, coma a lareira. Ollo, non digan larera! A globalización é boa, pero tamén o é sentírmonos únicos, diferentes e cun ADN propio. Coma os demais, pero moi nosos. Que bo aprender dos outros sen esquecer o noso!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Tags
ADN
Comentarios

Anglicismos