Ás veces penso no complexo que ten que ser crecer na era das redes sociais, da conexión a través da rede, na era dos «gústame» e dos «enfádame». Tamén penso na idea de que pasaría se, de súpeto, un día calquera, se «apagara» a Internet e quedásemos todos desconectados. Imaxinades cantos máis libros poderiamos ler? Canto máis tempo dedicariamos ás cousas que realmente importan? E cantos comentarios crueis e cantos insultos se aforrarían?
Sen dúbida esta hiperconexión trouxo cousas boas e incribles. E xa hai unha xeración que non pode imaxinar como sería o mundo sen Internet, sen o acceso instantáneo á información, sen YouTube, Facebook, Twitter, Instagram e todas esas outras redes que xa non sei nin nomear. Por outra banda, tamén hai xente á que a idea de existir sen Internet non lle cambiaría moito a vida. Pero eu, especialmente neste ano no que resinto dun xeito estraño a tiranía da tecnoloxía e das redes sociais (e antisociais), estou empezando a pensar se sería quen de desconectar. Pregúntome como sería o meu plan, e como cambiaría a miña vida sen coller o móbil para orientarme ou para buscar no Google o significado da palabra «anguria».
Hai un ano e medio, a idea dunha pandemia global parando o mundo e obrigando á xente a quedar na casa sen moverse, pareceríanos case un relato de ciencia ficción. Do mesmo xeito que á xeración que creceu exposta ao que dirán no mundo dixital, tamén lle parecería ciencia ficción imaxinar a vida sen esas redes sociais que ocupan máis espazo mental que as redes reais. Ás veces desexo que eles, e nós, sexamos capaces de desconectar delas, aínda que sexa para poder sentir o mundo como é, non como nos din que é.