Díaz Ayuso en portada

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

20 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A presidenta da Comunidade de Madrid saíu na portada da revista satírica El Jueves en amor e compañía de Hitler e Franco, despois que no programa de Ana Rosa Quintana dixese á presentadora que «cuando te llaman fascista sabes que lo estás haciendo bien». Se o deixase aí, se só dixese iso, é probable que o debuxante de El Jueves fixese a mesma portada; pero non tería razón porque calquera espectador obxectivo entendería que Díaz Ayuso aludía a que a esquerda chama «feixistas» a todos os políticos de dereita que, para ela, loxicamente, son os bos. Pero como é lareteira, non o deixou aí e preguntou a Ana Rosa se algunha vez llo chamaran a ela e, ao responder a xornalista «a mí todos los días», Díaz Ayuso sentenciou: «Entonces estás en el lado bueno». Segunda oportunidade perdida. Se non dixese nada máis, ratificaría o xa dito e quedaría de fábula; pero non calou e engadiu: «En el lado bueno de la historia».

Ai, Isabel, Isabel, Isabel, que ben encaixarías no coro de las cotorritas da revista musical La alegre trompetería -mira que nome lindo para as autonómicas do 4 de maio-, estreada con gran éxito no teu Madrid, en 1907! Quen te vería coas outras mozas, collidas todas polos ombreiros, erguendo a un tempo o pernamen por riba da cabeza e cantando: «Cotorrita, rita, rita,/ cotorrita callaté/ que se enfada el caballero./ ¡Que se enfade!/ ¡Y a mí qué!».

A ti que? Pois mira, hai tempo cabreaches ao cabaleiro Eduardo García Serrano, ese xornalista falanxista tan fino e tan macho que chamou «maricona vieja» a Antonio Gala, e cousas semellantes a Pedro Zerolo; «guarra y puerca» a unha consellera de Salut en Catalunya; «fillo dun terrorista» a Pablo Iglesias, e que recoñeceu ante a súa audiencia canto lle gustaría que o etarra Txapote recibise dous tiros «preferentemente de manera injusta». Puido ser un grandísimo rapeiro, ao nivelazo do Pablo Hasel; pero cando se ve ante a xustiza, trema, recúa, pide desculpas e onde dixera digo, di Diego.

Contigo non se vai desdicir do que dixo, e dixo que cando te coñeceu eras unha falanxista furibunda, que o perseguías a todas horas para que che falase de José Antonio, Ramiro Ledesma e demais protagonistas da primeira falanxe. Contou tamén -e isto é feo- que cando entraches no PP e coincidiches con el nun programa de Intereconomía, leváchelo a un recuncho e confesácheslle: «Eduardo, aunque esté en el PP, sigo siendo la misma».

De maneira, Isabel, que se non caíches da burra recentísimamente e coa zoupada perdiches o amor ao falanxismo, cando dixeches a Ana Rosa Quintana que o feixismo está no lado bo da historia non tiveches un lapsus linguae, senón unha traizón do subconsciente; e o debuxante de El Jueves non malinterpretou as túas palabras. Estás no teu dereito a ser falanxista, faltaría máis; pero como Pablo Iglesias é comunista -o teu examigo García Serrano chámalle «piojo bolchevique con vocación de zar»-, nas próximas eleccións da Comunidade de Madrid veremos, en ti e el, enfrontarse nas urnas as dúas Españas extremistas de 1936. Como se non pasásemos unha guerra, como se non aprendésemos nada.