Meirás, unanimidade necesaria

Manuel Monge EN LIÑA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

19 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribía nestas mesmas páxinas o 19 de marzo de 2018, subliñando a unanimidade de todas as forzas políticas: «Non hai que pagar nin un euro pola recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público de Galicia». Daquela, o presidente Feijoo manifestaba: «Galicia xa pagou. Agora só queda a devolución sen contrapartida algunha». Román Rodríguez, daquela conselleiro de Cultura: «Galicia quere que o pazo de Meirás volva ser patrimonio público, pero que non haxa que pagar por el». O grupo do PP na Deputación da Coruña sinalaba como obxectivo: «Incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, sen que implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938». 

A sentenza de 2 de setembro de 2020 declaraba nula a doazón de 1938, así como o contrato de compravenda simulada de 1941, e ordenaba a devolución ao Estado dos terreos e edificacións do pazo de Meirás. A Audiencia Provincial vén de confirmar a propiedade do Estado, pero abre a porta para que os herdeiros de Franco, como posuidores «de boa fe», reciban unha compensación económica polos gastos de mantemento e rehabilitación.

Unha sentenza sorprendente porque desde hai 80 anos aquí non houbo boa fe. A adquisición do pazo de Meirás foi precedida de contribucións dos concellos, coaccións a traballadoras, expropiación forzada de fincas e casas limítrofes. As distintas administracións estiveron pagando desde 1938 todos os gastos de mantemento, así como a seguridade. Ingresaron diñeiro da venda de propiedades do pazo e até do que producía a explotación agropecuaria Pazo de Meirás. Productos de la huerta, na que traballaban gardas civís. O espolio non se limitaba a Meirás; Dodro xa denunciou o traslado das torres de Bendaña; Santiago as tallas de Isaac e Abraham; o párroco da igrexa de Moraime (Muxía) segue reclamando hoxe a devolución de dúas pías que levou para Meirás un camión do exército. É todo isto actuar de boa fe?

Repítense hoxe as declaracións de 2018. Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE: «Aos Franco non habería que pagarlles nin un euro. Xa se beneficiaron apropiándose do pazo durante décadas». Ana Pontón, portavoz nacional do BNG: «Asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo ó franquismo e unha humillación para calquera demócrata».

A mobilización social conseguiu que a Avogacía do Estado, Xunta e concellos da Coruña e Sada manifestaran que presentarán recurso de casación á sentenza da Audiencia Provincial. Ese é o camiño. Nin un euro para a familia Franco polo pazo de Meirás.