Conflito resolvido

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

PP MADRID

17 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos que non entendemos de leis a cousa parecíanos clara e de sentido común. A mañá do mércores 10, en Murcia, á primeira hora, o PSOE e Cidadáns presentan unha moción de censura para botar ao presidente do PP. A presidenta da Comunidade de Madrid, adiantándose a unha posible moción, dimite, disolve a Asemblea e convoca eleccións para maio, todo tras previa deliberación do Consello de Goberno. Un pouco despois, Máis Madrid presenta unha moción de censura contra Díaz Ayuso. Catro minutos máis tarde faino o PSOE. A mesa da Asemblea admite ambas mocións. Isto supón un conflito entre poderes autonómicos que resolveron os tribunais.

A lei nesta ocasión coincidiu co sentido común. Aos cidadáns do montón parécenos que o conflito sería que calquera partido puidese presentar unha moción de censura contra un presidente que convocou eleccións, e atrasar así a súa celebración. Na práctica, supón a perda do dereito para convocalas, porque o mesmo día que o fixese poderíanse presentar mocións de censura que haberían de resolverse, unha por unha. Unha vez resoltas, cando de novo se convocasen eleccións, nada impediría que outro grupo presentase outra moción, e así sucesivamente. Levado ao extremo, sería a forma de impedir a convocatoria de eleccións.

Visto o visto non fose mellor que PSOE e Máis Madrid esperasen a que decidise o pobo e non os xuíces quen quere que o goberne? Se os movese o ben común, e non os intereses dos seus partidos, non habería necesidade de que fose un tribunal quen pon en mans do pobo o goberno da súa comunidade