Que sabe da anestesia epidural?

Servando López Álvarez DECOTÍO

OPINIÓN

María Pedreda

17 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata hai apenas un século, no imaxinario colectivo, cirurxía sempre foi sinónimo de dor, sangrado e infección. O descubrimento da anestesia, a aparición dos métodos antisépticos e da hemostasia fixeron posible o seu desenvolvemento. A historia da medicina é fascinante, pero hai ocasións nas que trata inxustamente a figuras que axudaron a mellorar a vida das persoas. Este é o caso de Fidel Pagés (1886-1923), médico militar, inventor da anestesia epidural. Foi unha achega transcendental na historia da medicina que permite o alivio da dor durante a cirurxía, pero pasarían moitos anos antes de que lle fora recoñecido ese mérito.

Fidel Pagés viviu unha etapa histórica complicada. Participou na guerra do Rif como cirurxián. Das súas experiencias xurdiría o seu interese pola investigación, e será en 1910, no Congreso de Medicina de Budapest, cando se produza un punto de inflexión na súa carreira. As súas investigacións sobre a atención sanitaria na guerra outórganlle un recoñecemento internacional. O posterior estalido da Primeira Guerra Mundial lévao a colaborar como membro dunha comisión internacional para visitar os campos de prisioneiros en Austria, onde participará en operacións cirúrxicas con amputacións, colaborando con médicos austríacos e alemáns.

A guerra revoluciona as técnicas cirúrxicas; de feito, durante eses anos fixéronse máis progresos que en 40 anos de práctica en tempos de paz. As vivencias na guerra e as súas inquietudes investigadoras fan que no ano 1919 Fidel Pagés sexa editor-fundador da Revista Española de Cirugía. Nela publica, no ano 1921, un artigo sobre a chamada «anestesia metamérica», no que describe a anestesia epidural utilizada en 43 cirurxías. Un ano moi prolífico para a historia da medicina, porque é cando tamén uns científicos canadenses descobren a insulina.

A súa tráxica morte dous anos despois, nun accidente de coche de regreso das súas vacacións, fai que a súa figura sexa esquecida, pois só algúns médicos que traballaron con el seguen aplicando a súa técnica. Terán que pasar varios anos até que, no 1932, Achilles Dogliotti se atribúa o descubrimento e o publique no American Journal of Surgery. Recibe un amplo recoñecemento e así pasaría á historia de non ser por un médico arxentino, Alberto Gutiérrez, que coñecía a investigación do cirurxián español, por ter lido o artigo de Pagés publicado en 1921. Nun principio, Dogliotti resistiuse a aceptalo, pero, ante a documentación que saíu á luz, recoñeceu que o mérito de descubrir a anestesia epidural correspondía a Fidel Pagés. E así foi como a historia fixo xustiza.

Os anestesiólogos temos unha débeda con Fidel Pagés. O descubridor dunha técnica que permite eliminar a dor durante a cirurxía e no parto merece que o mellor traballo publicado en anestesia leve o seu nome, pero tamén, como mínimo, que na súa tumba apareza unha mención como inventor da anestesia epidural. Noutros países tería un memorial e sería lugar de cita histórica, como sucede con William Morton (éter) nos EE.UU. ou James Simpson (cloroformo) en Escocia. Fagámolo posible. Porque o descubrimento da anestesia epidural foi algo realmente único.

No seu centenario, os anestesiólogos facemos o recoñecemento que non tivo na súa época.