A empatía é unha das capacidades máis tipicamente humanas, como o é a conversa. Pero pásmense, non parece que as dúas estean moi unidas: un estudo vén de descubrir a nosa incapacidade para saber cando poñer fin a unha conversa. E doulles un dato: só o 2 % das conversas que se establecen entre dúas persoas acaban no momento no que ámbalas dúas queren.
Un exemplo típico: estamos aguantando a verborrea do noso interlocutor e estamos desexando largarnos, pero non nos atrevemos a dicirllo por medo a quedar mal, e a persoa que nos está a dar o seu discurso non percibe que queremos poñerlle fin. Ollo, que en moitas ocasións ocorre o contrario e somos nós os que lle estamos dando a lata ao noso interlocutor sen decatarnos de que quere irse. Mesmo se dá moitas veces o absurdo de que as dúas partes quererían dar por rematada a conversación, pero ninguén dá o paso.
O estudo, publicado nunha das revistas científicas máis punteiras, apunta que se pode dar o caso contrario: que a conversa acabe antes do que nós quereríamos, aínda que non é o máis habitual: en case o 70 % dos casos o problema é por exceso.
O estudo mesmo cuantifica a incapacidade da nosa percepción: ante a pregunta ¿cando cres ti que o teu interlocutor quería rematar a conversa?, os investigadores foron capaces de medir que erramos un promedio do 64 %. Por exemplo, se pensamos que ao noso interlocutor lle encantou ter un diálogo de 30 minutos, en realidade xa tivo dabondo logo dos primeiros 10.