Vacinas «royal»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Afamilia real e achegados traballan tanto pola república que xa non ten graza ser republicana. Antes, cando non sabiamos ata que punto estaba disposto a aproveitarse de prebendas todo aquel que tivese un apelido Borbón, ser republicana aínda confería un ar de culta coñecedora da memoria. Pero agora abonda con ler a prensa rosa, as páxinas laranxas para yuppies, para atopar motivos antimonárquicos. Por iso, cando, cos ollos no 14 de abril, estabamos as republicanas de rancio avoengo buscando como espantar advenedizos para que Sanidade non nos prohibise as manifestacións coma ás feministas, amoláronnos as irmás de El-Rei. E non foron vacinarse... en Abu Dhabi!, ese país que xa parece unha colonia de Marivent. En fin, vai ser mellor prohibir tamén as aglomeracións republicanas, para protexernos a quen apandamos coa condición de chusma infectábel.

Era mellor cando tiñamos que esculcar na prensa estranxeira novas sobre a fortuna dos Borbóns, ou cando descubrimos o ecoloxismo porque El-Rei mataba elefantes, abraiados por ver entrar un cuñado en prisión e estrañados de que unha morea de empresarios agasallasen iates. Pero agora, a quen convencemos xa con iso de que as ex infantas desprezan a nosa digna españolidade? Quen precisa a estas alturas que preguntemos como chegaron a ser tan ricas esas dúas cidadás e mais o seu pai? Que bonito era cando había que insinuar a fea amizade dos Borbóns coas familias reais do Golfo Pérsico, esas que agora trafican coas vacinas entre quen poden pagar fortunas por inmunizarse. Estou por volverme monárquica: en nada vai ser o verdadeiramente revolucionario.