A lingua máis poderosa cá espada


É curioso o escándalo que provocou hai uns meses que Disney Channel obrigase á supervisión adulta no visionado de clásicos xenófobos coma O libro da selva, mentres que parece o normal exercicio da xustiza a condena dun rapeiro por un delito de inxurias á Coroa por referirse aos mesmos negocios do rei emérito polos que estaba sendo investigado, e por outro de enaltecemento dun terrorismo que xa non existe. Nada do que non estea cheo Twitter ou a barra do bar, só que o bendito atasco da xustiza impide que os fiscais anden lendo cada chío coa pistola cargada. Claro que, ante a dificultade de acabar de vez con todo Twitter, tampouco renuncian ao aviso a navegantes. Por que ese aviso? Por paradoxal que pareza, a xustiza nunca é inocente.

Respectamos máis as películas que ás persoas, polo visto. Parece un ataque terríbel á liberdade de expresión o filtrado do reaccionarismo made in Disney, pero buscamos reviradas explicacións para xustificar que un cantante entre no cárcere por cantar. O certo é que, deixando á parte os autores de barricadas incendiarias, pode que este Goberno deba pensar en enmendar a decisión dun xuíz para protexer a liberdade de expresión que é de todos. Claro que ao presidente se lle acumulan máis peticións de indulto que ao pobre Poncio Pilatos.

Non todas as opinións son iguais: hainas detestábeis, igual cás sentenzas e as películas, pero, igual que campan nazis enaltecendo a Hitler sen que ninguén os encarcere, deberiamos soportar que un cantante satirice un rei sen sentir que ameaza o Estado. Xa dicía Eurípides que a lingua é máis poderosa cá espada, pero Napoleón fixou mellor o problema: son máis temíbeis catro xornais hostís ca mil baionetas. Eses medos definen países.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

A lingua máis poderosa cá espada