A educación da herdeira

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É a herdeira. E sobre ela, todas as miradas. As poucas que permiten, pois a aparición pública está máis ca medida. Son escasísimas as ocasións nas que aparece ante os medios ou de maneira máis informal na rúa. En todas, cada instante está medido, pactado, previsto. Un guión minucioso e tremendamente estudado do que é difícil saírse. 

Paréceme unha protección excesiva. A nosa monarquía pasou de ser campechana a totalmente artificial.

Tamén de ter unha herdeira infantilizada, ante a que a lectura dun texto practicado ata a saciedade semellaba un logro ao alcance duns poucos iluminados, a mandala a estudar ao estranxeiro, interna, por dous cursos.

Resulta un salto tan abismal que teño a impresión de que a rapaza pasou por alto algunha etapa da súa vida. De nena, a muller independente.

Pero que iso non nos anubre a vista. Moito discurso a prol da igualdade, do país que debemos construír, da sociedade coa que debemos procurar oportunidades para todos, a defensa do público... E o exemplo? A princesa do país debera formarse nel. Porque non lles faltan recursos para que aprenda idiomas, ese non ía ser o problema. O que vai pasar agora é que descoñecerá os nosos problemas, a realidade do país que pretende representar.

Temos un sistema educativo estupendo. Úseno. Dean exemplo. Nunha ocasión, unha nena preguntoulle que quería ser de maior e a nai apresurouse a corrixir que non é o que queira, é o que ten que ser. Pois iso, pode xogar a ser princesa, pero, ademais, ten que ser princesa.