Toni e Lisa

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Polo meu amigo (de toda a vida) Antonio Fernández Torcuato, alcumado Cesteiro, non só sinto cariño profundo senón tamén admiración. Este ano, como non houbo entroido, el montou o seu propio show, iso si, con todas as medidas de seguridade. Deulle por parodiar o programa First Dates, ese que consiste en parellas que se coñecen, cean xuntos e despois deciden se continúan ou non. Ao efecto puxo a disposición o seu bar Revólver, convertido nun restaurante. Entra. É recibido polo presentador. «¿Toni?», pregunta. E Cesteiro contesta: «Si, y tú Carlos Sopera, ¿no?». Cando lle preguntan se leva moito tempo sen parella, Toni responde: «Estuve con la pareja de Guardia Civil antes de venir para aquí». E só o comezo dun sketch que se fixo viral. Toni confésase romántico e «atacado de los nervios», aínda que Lisa recoñece que parece ter moitas táboas. «Tablas siempre hubo en mi casa, mi padre fue carpintero». Lisa ía acompañada da súa mascota. «A mí también me gustan mucho los animales, sobre todo el cerdo», afirma Toni. Lisa acababa de saír do seu traballo, enfermeira. Todo un cúmulo de casualidades que acaban relacionándose con Verín e un entroido que se nos foi das mans sen poder, nin sequera, acariñalo. Por iso o número de Cesteiro e Elisa merece gratitude. E eu, entroideiro que fun, son e serei, só pretendía significalo. Porque este mundo no que sobran os malos modos, a ira, a crueldade e a dor, precisa máis que nunca o humor feliz. Confeso que Antonio Fernández Torcuato non o perdeu nunca na súa vida, nin nos peores momentos, e foi para min terapia durante miles de días (e noites). Os Tonis e as Lisas fan máis habitable o mundo. Neste tempo, especialmente.