Solidariedade, respecto, lealdade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

POOL

07 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Principios básicos para construir futuro. A pandemia que está a castigar a humanidade e que atinxe tanto as distancias curtas (a nosa vida familiar e local) como os grandes espazos da globalización, porque o problema vai moito máis alá das nosas experiencias particulares, a peste vírica que nos abafa está a levantar unha serie de cuestións que parecían menores, ou que iamos aprazando seguindo, e que se cadra vai sendo ocasión de tratar. Cuestións pendentes, que teñen que ver mesmo cos nosos modelos de convivencia. Falo da Unión Europea, por exemplo, e falo do Estado das Autonomías, esta realidade política que xa cumpriu corenta anos e que, malia as súas imperfeccións e os seus detractores, propiciou un dos períodos máis felices da nosa historia.

O proxecto europeo vén de atrás. A vella Comunidade do Carbón e do Aceiro (1951), logo Tratado de Roma (1957), tamén chamado Mercado Común, deu paso a un plan ambicioso (1992) que hoxe integra 27 estados con parlamento e institucións de goberno non exentas de desequilibrios, pero que no seu conxunto constitúen un dos logros máis intelixentes, arriscados e sedutores da historia contemporánea, case que poderiamos dicir que da cultura política que coñecemos, dende a caída do Imperio Romano para acó: harmonizar a diversidade nunha xeografía común mancada por guerras e enfrontamentos feroces, mais tamén polas conquistas sociais mais luminosas.

A xestión da pandemia (produción e distribución de vacinas) está a poñer de actualidade non poucos desequilibrios, tanto no espazo máis próximo (o Estado español) como na UE, e mesmo desaxustes de fondo que se cadra deberiamos abordar. Para que serve o Senado, por exemplo? Como arbitrar un modelo eficiente de representación e debate para seguir convivindo? Que operatividade ten o Parlamento Europeo? Como desenvolver unha política común realmente resolutiva, capaz de afrontar a política exterior, estratexias demográficas e de inmigración ou a confrontación coas grandes oligarquías farmacéuticas, por salientar cuestións ben próximas? Esta marea leva no título tres substantivos a considerar. Solidariedade: porque sen solidariedade difícilmente poderemos construir ningún modelo de convivencia nin cohesionar a diversidade. Respecto: porque cada quen ten a súa maneira de entender e explicar o mundo. O historiador británico Gerald Brenan dicía que España é unha Pequena Europa (The Spanish Labyrinth, 1943). E lealdade: para que o pacto funcione. As guerriñas cativas entre particulares (sempre interesadas), a retorica emocional das pequenas taifas, os absolutismos excluíntes pouco din a prol dese proxecto de integración e respecto que necesitamos, alianzas en pé de igualdade, que de seguro nos farán mais fortes. Repito: nas distancias próximas e nas máis arredadas, non por iso menos trascendentes.