As pandemias que virán

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Pool Moncloa / Fernando Calvo

07 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Necesitamos políticos que guíen o país coas luces longas, capaces de sentar diante dun papel en branco para ser quen de deseñar un futuro. Gobernantes que entendan que parte do seu traballo é ocuparse dos que virán despois de nós. Sen embargo, o que temos é políticos de miras estreitas centrados nas enquisas demoscópicas e que toman as decisións amparados, que tería un pase, non por cuestións ideolóxicas ou programáticas, senón puramente electorais. Con semellante planteamento o desastre global está garantido. 

 

Na xestión da pandemia, mais tamén nas críticas da oposición á xestión da pandemia, vemos con claridade todo isto. Uns, concentrados en xestionar pero sen tomar decisións que poidan facerlles perder votos; outros, criticando unha cousa é a súa contraria porque do que se trata non é de botar unha man ao goberno de todos senón de desgastalo. Un exemplo moi evidente: repetían un día si e outro tamén que Salvador Illa era un desastre e que tiña que dimitir canto antes. O día en que por fin dimitiu para centrarse nas eleccións catalás, chamáronlle irresponsable por deixar o ministerio en plena pandemia. 

Slavoj ?i?ek pode gustar máis ou menos pero no libro que publicou así como comezou a Pandemia (ese é o título e pode lerse na Editorial Galaxia) fixo unha análise da situación de, precisamente, luces longas. No seu texto explica que agora estamos coa crise sanitaria e que polo tanto toca atender todas estas urxencias, pero que logo desta virá unha terrible crise económica (agora estamos vivindo no oasis dos ERTE e das axudas para todos os sectores, para que non creben, pero cando iso remate…); e logo da económica virá a crise mental (que xa empezou, a famosa fatiga pandémica non é máis que os primeiros síntomas dunha debacle psicolóxica anunciada, cando nos decatemos de que a vida de antes non volve, que non volverá exactamente a como era en tempos), e que, logo da sanitaria, e a económica e a mental, virán as xeracións perdidas. Usamos esa expresión para referirnos a toda aquela mocidade que arrasou a droga nos anos 80 do século pasado. Non é mala imaxe. A nosa mocidade, que leva moito tempo, así, perdida, no sentido de que non dan atopado o seu lugar nun sistema que os exclúe ou precariza (e hai quen incluso se aleda diso ignorando a indecencia que supón que teñamos en España a tasa máis alta de paro xuvenil de Europa), vaise enfrontar a un mundo onde as liberdades e certos dereitos van desaparecer para sempre e nun contexto económico violentamente liberal que dá como única alternativa unha especie de sálvese quen poida.

Diante de todas esas distopías anunciadas, toca esixirlles aos que ocupan os despachos que deixen de mirar o seu embigo e se centren no futuro, que é moito máis que, como algún anda xa dicindo por aí «salvar a Semana Santa».