Hostalaría: ¿solución?

Xosé Regueira DECOTÍO

OPINIÓN

Lavandeira jr

03 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia veu pór de manifesto múltiples debilidades do noso sistema sanitario, económico e social. Nin a sanidade era a mellor do mundo, nin o sistema era quen de protexer aos sectores máis vulnerábeis da economía e nin sequera era quen de deseñar medidas paliativas para un dos piares do PIB como é a industria do turismo. E dentro deste a hostalaría é a que está a sufrir as consecuencias máis dramáticas. Unha hostalaría que na Galiza aglutina a máis de 20.000 establecementos e emprega a máis de 70.000 persoas, cunha grande bolsa de traballo feminino e xoven, dous estratos de poboación que aínda están a pagar a anterior crise económica. Sen dúbida, unha grande industria con «sucursais» espalladas por todo o país e que estende a súa cadea de valor a outras actividades que tamén se ven gravemente afectadas, como o resto do sector servizos ou a produción e distribución de alimentos, gandería, pesca, horta e distribución. Un auténtico drama para Galiza, que carece dunha economía suficientemente diversificada, máis aínda nos momentos que estamos a vivir de profunda crise industrial.

Se todos estes datos se traducen nun peso económico da industria turística entre un 12 % e un 14 % do PIB da economía galega, podemos concluír que a necesidade de medidas contundentes no plano económico para evitar a caída definitiva dunha boa parte do sector é evidente. Non vai haber Xacobeo 21-22 que evite a caída hostaleira se non hai medidas paliativas até o momento en que se poida recuperar a mobilidade.

Para a hostalaría é tempo de solucións reais e rápidas, deixando partidismos a un lado. No BNG fixemos unha proposta que entendemos xusta e equilibrada que debería servir de marco para buscar o rescate das empresas e do emprego, que consiste en fixar un esforzo proporcional no plano económico de todas as administracións, con fórmulas áxiles e que inxecten fondos rapidamente. Fixemos un chamamento á coordinación e colaboración institucional nun momento dramático a nivel económico no que se precisa altura de miras e responsabilidade política e institucional. Nese camiño andaremos buscando sempre o mellor para un sector que é fundamental para Galiza.