estamos desbordados. Saturados. Descolocados.
Algúns. Outros seguen actuando coma se isto da pandemia non fose con eles. Que inconscientes!
Andamos ás carreiras. Os sanitarios non dan feito. Os responsables dos enfermos, tampouco. Non damos feito a vacinar, nin a facer PCR nin a identificar ás persoas que temos ao cargo.
Só así se entende que nunha residencia de maiores se trabucasen coa identificación de dúas compañeiras de cuarto. As dúas facían fronte ao covid. Unha superouna, a outra non. Así que soterraron a Concepción, pero co nome de Rogelia. A familia desta chorou o seu pasamento, mentres a de Concepción viaxou para compartir a ledicia da recuperación.
A lea desfíxose cando regresaron á residencia na que convivían antes de ser trasladadas. O viúvo deixou de selo, feliz da resurrección da súa dona. Pola contra, o irmán de quen se cría recuperada... atopouse coa nova ao ir visitala.
Non é ningunha broma. A realidade acaba por superar a ficción. Pero estamos falando da vida (e da morte) das persoas. Non hai nada máis importante ca isto.
Estamos tan desbordados que o surrealismo se instalou en nós. Por iso é bo non perder a perspectiva. Debera axudarnos o medo, mais parece que a algúns non lles chega. Por favor, fagamos o que nos piden. Cumpramos as normas, as indicacións e ata as suxestións que non son norma. Desde o primeiro momento sempre se dixo: isto parámolo todos. E todos é todos. Sen faltar ninguén. Nin ti, nin ti, nin eu.
Menos protestar, máis obedecer.