Escoitarnos

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

29 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedan 336 días para rematar o 2021 e unha xa ten ganas de, polo menos, chegar ao verán ou a ese momento do ano no que a meirande parte da poboación estea vacinada.

Esta semana estiven intentando calcular cando lle tocaría a vacina á miña nai, ás miñas irmás, ao meu marido e a min; e de súpeto eses 336 días pesáronme máis ca nunca... Será no verán?, no outono?, no próximo inverno? Chegará para todos? Entón comecei a pensar na idea de que este ano vai rematar sendo bastante semellante ao ano pasado, e que se temos a sorte de non coller o virus (e sobrevivir fisicamente), vainos custar máis ca nunca tirar cara adiante (e sobrevivir mentalmente), pois estamos cansos e sen enerxía.

É difícil ter esperanza nun momento coma este. Se cadra debería ser máis fácil aferrarnos a ela agora que xa imaxinamos a data na que poderemos permitirnos estar xuntos sen medo. Pero, por algunha razón, hai días nos que por moito que unha o intente non o consegue, porque, aínda que cheguemos a esa inmunidade desexada, ningún de nós é inmune á situación económica e social do presente nin á do futuro, e non haberá vacina que poida solucionar esa consecuencia da pandemia a curto prazo...

Supoño que o que quero dicir hoxe é que, a pesar de que non vexamos a luz ao final do túnel, seguimos estando aquí, e esa debería ser razón dabondo para non perder a esperanza. A saúde mental é máis importante ca nunca, e non sempre estamos provistos das ferramentas necesarias para manternos sans (mentalmente). Pero comecemos por escoitarnos os uns aos outros, con tempo, respecto e empatía, pois quizais ese sexa o único remedio que nos quede para poder sobrevivir todos xuntos.