A onde viaxar?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

27 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, preguntábame alguén a onde pensaba viaxar unha vez que acabase todo isto. Lonxe de poñerme a pensar nun presuposto, como tería feito habitualmente para ver ata onde me podía dar o percorrido, só me deixei levar polo desexo.

A onde viaxaría? Á infancia. A outro tempo, a outros tempos. Aos veráns longos e cálidos, á calor dos que xa se foron. Volvería ao universo que me arrolou cando máis feliz fun.

Ao instante escoitei a voz na miña cabeza: «Iso era produto da inconsciencia». A ignorancia, neses termos, é ben agradecida. Pode que ese sexa o segredo. E que?

Claro que tamén nos din que aos lugares nos que fomos felices non debemos volver. Entendo que por medo a estragalos. Como quero preservar ese curruncho vital, non refuso buscar outro destino.

A onde viaxaría, entón?

A casa. Si. Libre e sen máscara. Para sentar ao pé da porta ou tras a ventá e ver a vida pasar. Sentir a vida pasar. Sentir. Sen medo. Respirar profundo.

Moito temo que esta pandemia non deixe a pegada suficiente. Sentímonos apreixados, pero non nos contemos o suficiente. O virus segue a espallarse sen control. A ausencia de máscaras e prudencia é alarmante. Non entendo tanta argucia para intentar saltar as normas. Non sería máis sinxelo cumprir con todo e acabar canto antes? Tanta intelixencia hai... tanto enxeño perdido! Iso si é fuga de talentos!

Poñámonos e sexamos serios.

Dicía Xabier Docampo que toda viaxe é un regreso, así que non é tan estraño que eu queira volver a casa e buscar refuxio.