Centro

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

22 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mes foi case imposible non mirar para o centro. Nos medios, na radio, non se falaba doutra cousa; interrompían a programación habitual para conectar coas novas do centro. E aínda que a ocasión era histórica, nunca entendín ese costume que temos de non querer mirar para o centro e ao mesmo tempo non deixar de mirar para el. É coma unha obsesión.

Ás veces o centro é unha vila, ou unha grande cidade arredor de nós. Outras veces é a capital do estado; e no caso dos EUA, parece que o centro é o país completo. Durante este mes de xaneiro aprendemos moitas cousas: aprendemos que nevou en Madrid, e por se non nos quedou claro, tamén aprendemos que agora chove en Madrid. Aprendemos que é o Capitolio e como se asalta; e se empeza vostede a ler este periódico polo final quizais aínda non saiba que hai un novo presidente nos EUA, chámase Biden e ten 78 anos...

Hoxe, con sorna, ironía ou retranca, tento reflexionar sobre o que supón ver como as cousas que pasan no centro semellan ser sempre máis relevantes, a pesar de que o que nos pasa a nós, nas nosas periferias particulares, é tanto ou máis importante. É fascinante ver como nos marcan, sen que ninguén nos pregunte, a que lle queremos prestar atención e a que non. E é aínda máis intrigante tentar entender as razóns polas que asumimos eses lugares e eses temas (e non outros) coma nosos...