A resignación das máscaras

OPINIÓN

Santi M. Amil

21 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Para a veciñanza da miña vila de nacenza, esta fin de semana bota a andar a súa longa festa do entroido, de interese turístico internacional. Dadas as circunstancias da pandemia, hai uns meses intentáronse xuntanzas para repensar a celebración e adaptala á realidade, pero os datos tan preocupantes que arrastra o nivel de contaxios en Xinzo de Limia obrigan á resignación. Para termar do ímpeto dos que se resisten, xa circulan campañas que andan na procura de combinar as palabras sentimento e sentidiño. Vai ser complicado. Os corpos lembran e non será doado renunciar ao pracer voluptuoso de vestir o disfrace e botar unhas carreiras sulfadreando con esoutras pantallas, esa especie de animais tan perfectos que parecen creados polo capricho dun neno. Botaremos de menos a linguaxe das campaíñas que converte o aire en canto, o boureo das vinchas coma unha pirotecnia ancestral ou o vermello furioso das capas que por uns días fai da nosa vila un lugar inquietante e onírico. Toda a tristura do mundo substitúe estes días as palabras porque a nosa ollada limiá fixo do entroido unha metáfora sagrada que ostentamos coma quen leva no apelido unha partícula nobiliaria. Hai quen abre a posibilidade dun entroido virtual, simbólico, como para mantermos a ficción de que non pasa nada, pero sabemos ben que esta construción colectiva elaborada por todos coma unha arte inquieta, espontánea e voluble, basea toda a súa forza no contacto, na interacción física e nunha ruidosa cordialidade. Así que, desta volta, fagámoslle fronte a esta desgraza resignada que se espalla coma outro andazo e volvamos a esoutras máscaras coas que xa levamos case un ano disfrazados nun entroido que nunca se debeu celebrar.