Mellorar uns coidados que funcionan

Antón Acevedo Prado DIRECTOR XERAL DE ATENCIÓN INTEGRAL SOCIOSANITARIA

OPINIÓN

Durante o último ano, o mundo enteiro fixo fronte a un inimigo tan temible como descoñecido. Unha pandemia que se colou nas nosas casas, nos nosos lugares de traballo e tamén nas residencias de persoas maiores, que estaban afeitas a coidar dos nosos pais e avós con tanta eficacia como discreción. O virus, que chegou sen avisar e cambiou radicalmente a vida de todos, foi un reto enorme para estes centros. As residencias están especializadas en coidar, pero non tiñan experiencia enfrontándose a unha enfermidade infectocontaxiosa do calibre do covid-19.

Os profesionais, que coidan das persoas maiores como se fosen membros da súa propia familia, víronse inxustamente sinalados como colectivo, a pesar de que a inmensa maioría deles traballou de xeito meticuloso e respectando os protocolos que marcou a Xunta de Galicia. Todos os xustos -practicamente o 100 % das residencias- pagaron por unha minoría de pecadores.

As persoas maiores que se contaxiaron de covid-19 nas residencias recibiron unha atención sanitaria de primeiro nivel. Algunhas delas foron atendidas na súa contorna, outras trasladáronse ás residencias integradas que habilitou a Xunta para darlles un coidado específico, outras -nos casos máis graves- foron asistidas nun hospital. En todos os casos, sen excepción, pelexouse ata o final para protexer a súa saúde e o seu benestar.

É certo que as residencias, como todos os servizos, teñen aínda materias pendentes. O intenso escrutinio que recibiron durante estes meses, lonxe de estigmatizalas, debe servirnos para mellorar uns coidados que, en liñas xerais, funcionan e son útiles para moitas familias galegas.

A Xunta vén de crear un Comité Asesor Sociosanitario para sentar as bases das residencias do futuro. As liñas mestras deste novo modelo serán trazadas por profesionais do coidado de dependentes, médicos, enfermeiros, arquitectos, traballadores sociais... Os avances tecnolóxicos (como a domótica), a reforma estrutural dos centros e a mellora da coordinación entre os servizos sociais e os sanitarios serán puntos clave nesta redefinición do sistema, que se abordará con realismo e tamén con ambición.

Durante esta pandemia escoitáronse moitas voces que dicían que nas residencias todo estaba mal. É inxusto e non se corresponde co que realmente demostraron os traballadores destes centros: profesionalidade, cariño e un compromiso inquebrantable cos maiores, aos que lles debemos todo. Por elas e eles, sigámonos coidando, sigámolos protexendo, sigamos mellorando.