Somos un país rico. Doutro xeito non me explicaría o asunto da subida de prezos das autoestradas. Só nos afecta a nós. E iso, obviamente, ten que ter unha razón consistente.
A comezos do ano 2019 os xornais abrían as novas do ano anunciando que os galegos facían fronte á maior subida de peaxes de toda España na AP9. Ole! Que non se diga que non hai poderío. A historia repítese, a devandita autoestrada é unha das tres únicas que sobe as tarifas neste 2021 ao que só lle pedimos ser normal. Aceptamos coma o 2019, se é xeral. Porque... oes... tocounos xustamente a nós o da subida de prezos. Vaia casualidade! Ou non. Será que están moi baratos? Ou que nos dá gusto baleirar a carteira cada vez que facemos unha viaxe.
Por sorte, tivéronnos confinados unha chea de tempo, pero había xente que tiña que ir traballar e... veña soltar billetes! Como nos portamos mal, estaremos sen mobilidade perimetral un tempo (iso e que moito reclamamos vacinas pero agora non hai quen as poña...). Será bo para non infartar ao repetirmos a inxusta tradición de pagar as estradas a prezo de ouro. Por algo será, e non se me ocorre nada mellor ca que teñamos cartos a mancheas. Somos un país rico. Non nos fan falta grandes presupostos do Estado, apañámonos cunhas migallas como comunidade. A título individual, nada, podemos enfrontarnos aos maiores pagos sen pestanexar. Con superioridade, sen que nos trema o pulso. Porque valemos iso e moito máis.
Auguro, polo tanto, un ano estupendo, de bonanza e riqueza.