Marina

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

12 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Querida Marina: es a primeira galega dun ano raro. O certo é que o ano en que fuches concibida tamén o foi, se cadra máis aínda ca este en que naces, só que o primeiro de xaneiro do 20 ninguén sabía iso. Á 1.30 do 1 de xaneiro do 2021 aí estabas, demostrando que a vida todo o pode. Pero dentro de dezaoito, vinte ou vintecinco anos estarás pensando esas cousas que pensamos as mulleres, estarás rebelándote contra un cento de parvadas só porque naciches muller e quizais porque es a primeira galega que resulta dun encerro en que tantas mulleres, probabelmente a túa nai tamén, aprendemos cousas sobre nós que só podiamos saber en corentena.

Marina, linda, levas escrito nas estrelas que alumaron o batido do teu pulso a luz dun pobo que renace e a esperanza de quen ven neste ano que aínda temos que escribir a posibilidade de volver vivir, como ti vives agora por primeira vez. Disque as bebés non nacedes con conciencia, pero a pandemia aprendeunos que hai verdades trabucadas. Se cadra ti naces xa con certas evidencias na conciencia: que todo é efémero e portátil, que a incerteza é un estado no que ser felices, e que a vida pende dos bicos que perdemos en tempos raros coma estes. Pero Marina, o futuro que protagonizas segue sendo das que, coma ti, estades chamadas a continuar as conquistas das mulleres. Ese que empezaron as que naceron co milenio porque o aprenderon das que naceron en tempos de guerra, máis raros aínda ca estes nosos. Non importan as pandemias. Todo é posíbel porque ti, Marina, así o crerás e así o farás.

2021, coma todos os anos raros, vén cargado de posibilidades. E medrarás e ocuparás un lugar ao que deberás darlle un bo uso. Avante, Marina.