Poñámonos serios

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñámonos serios. Ás veces resulta imposible conter a gargallada, pero... O asunto non é unha broma. Si, refírome á pandemia. Tamén ao que está a pasar na potencia americana. 

A ver. Isto víase vir, ou que? Tanto unha cousa coma a outra.

Se damos permiso para as festas... A xente bótase ao monte. Si, para a familia, ben sei. Pero... Xa que estamos, visitamos amigos, saímos de compras, tomamos uns cafés... E acabamos cunha chea de casos de contaxios. Normal.

Iso si, a partir do 7, que xa a xente traballa, os nenos van ao colexio e as compras masivas do Nadal están feitas... Entón é cando facemos restricións. Pois imos ben! Non había que ter unha bóla para adiviñar o futuro para intuír cal sería a situación hoxe.

Por outra banda, alén mares temos un presidente que di que non saben sumar votos e que lle roubaron o poder. Mal comezo. Pasaron días e días contando, que xa cría eu que había só un homiño clasificando papeletas. Cal era o motivo da tardanza? Agora o entendo. Non querían que ocorrese o que finalmente pasou. Que, a pesar de interpoñer máis de medio cento de denuncias, todas elas desestimadas, Trump negaría a derrota. E os seus seareiros... Pois xa imaxinan. Alentounos e obedeceron. Para iso son fanáticos del.

A pinta dos que tomaron o Capitolio é digna dun estudo social. O malo é que non se trataba dunha comedia ou ironía típica da festa do entroido. O problema é que ían en serio. E acabaron a tiros.

Non se podía previr nada disto? Sexamos serios, hai meses que era visto.