América

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

É día de Reis e un home reza rodeado de bandeiras confederadas diante do Capitolio, esa cúpula que figura nidia no noso imaxinario baixo a nave nodriza dunha invasión extraterrestre, pero que resulta difícil de crer nesta foto publicada en toda a prensa internacional, da autoría de Samuel Corum, da axencia Getty. Ese home apertado á Biblia, co corpo tenso polo fervor cristián e, probabelmente, proclamando a chegada do reino dos ceos a voz en berro, mentres o fume dalgúns disparos lle dá un aspecto fílmico. 

As bandeiras confederadas, para quen non o saiba, están prohibidas nos Estados Unidos pois simbolizan a exaltación sureña da escravitude e, por tanto, o racismo máis noxento e deplorábel, entre outros valores fascistas da extrema dereita pronazi, que o expresidente Trump alentou durante os seus catro anos de goberno.

Que débiles son as democracias e que perigoso é abrazar aos totalitarios crendo que a súa elección vía urna lexitima esas ideas. Dígoo por todos os españolísimos que consideraron que o trumpismo, coma antes o Tea Party, non era tan malo e que a súa demonización viña dunha esquerda que, non sei como, parecía máis perigosa ca este descerebrado da foto armado de Biblia, fusil e o equivalente americano da cruz gamada. Velaí o talón de Aquiles da democracia con máis garantías do mundo (para proba, a toma do Congreso reducida a dolorosa anécdota): o capital que lle dá biquiños ao liberalismo extremo mediante a desinformación das xentes máis pobres e iletradas que actúan no nome de Deus e rezando as súas oracións antes de empuñar os fusís.

A que lles lembra? A min a moitas cousas, non só en cidades de película ou distantes desertos, senón a poucos metros de nós.