Meirás debe pasar á historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

22 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A expresión pasar á historia ten un significado coñecido, significa lembrar, honrar, memorializar e tamén analizar, estudar. Cando se di que algo, un acontecemento, unha persoa, un feito, un proceso, unha data, debe pasar á historia quere dicir iso. Pero no Estado español non sempre ten ese sentido, aquí tamén pode significar esquecer ou botar ao olvido, depende da época e da memoria de que se fale. Pensen. Cando falamos de facer pasar á historia episodios da memoria incómoda de golpe, matanzas, persecucións, guerra e ditadura, que queremos dicir? Que debemos analizalo e lembralo ou que debemos esquecelo? Que dixemos en 1975 dese pasado?

 

Que facemos co pasado incómodo? Agora con Meirás o mesmo dilema, como con Cuelgamuros, antes coas foxas dos asasinados, as placas dos caídos, os nomes das rúas. Que facemos coa memoria incómoda xa revisada e con toda a que aínda queda por revisar, da resistencia guerrilleira dos anos corenta até os últimos fusilamentos e asasinatos do franquismo. Isto non vai rematar, non ten fin doado, e ademais a sociedade española -máis aínda que a galega- vai moi retrasada axustando contas co seu pasado. É mellor telo claro, para evitar desacougos e aforrar os sobresaltos que estas revisións do pasado provocan en moitos. E mellor saber que non pararán as chamadas do pasado, como as nomea o historiador holandés Herman Paul.

A sensación de inseguridade sobre o que cremos saber do pasado que crean estas continuas revisións pode paliarse ollando para a Europa que nos circunda, pois os nosos pasados incómodos son comúns. Non se pechou o libro da historia nin o da vida cos xuízos de Nuremberg. Só se pasou unha páxina, seguíronse escribindo outras con Eichmann (1961), Barbie (1987), Papon (1998) ou Hanning (2020). A persecución do crime contra a humanidade non minguou co tempo e a intolerancia social contra ese mal do século XX ampliouse. Comezou co xuízo das responsabilidades dos dirixentes e co tempo chegouse ata carcereiros que pasaran desapercibidos. Empezouse coas SS e seguiuse coa Wehrmacht.

De non mediar un cataclismo moral, do estilo de que os neofalanxistas formen goberno en España, os crimes e latrocinios impunes do pasado seguirán incorporándose aos sucesivos presentes e sendo xulgados. Ese e non outro é o rumbo do porvir, por moito que desguste a quen quixo escribir o libro do pasado e o do futuro co título Reconciliación despois de morrer Franco. A historia do que pasou que se fai no presente non para. En latín enténdese mellor: a res gestae (feitos do pasado) ficou alá, pero a rerum gestarum (a historia que conta o pasado) non para. A memoria da dereita secuestrada polo franquismo é outra aparente certidume do pasado incómodo que caerá sen tardar moito.