Vai ser un Nadal diferente, diso non hai dúbida. Pero xa tivemos outros, seguro. Se o pensan... A que lembran aquel primeiro Nadal no que faltou por primeira vez o avó? Ou aqueloutro no que xa non foron visitar á madriña en Noiteboa? A novidade de que a filla pasou estas datas fóra da casa, porque «había que repartirse». Ou o que rematou en anécdota cando simplemente a nevarada non nos deixou movernos, atrapados nun coche, ateigados de mantas. Peor o tiñan os que estaban emigrados fóra... Ou os que sufrían a dor de romper parellas e ter que mudar absolutamente todo, ata o Nadal.
Non quedou outra e fixemos das datas unha celebración distinta. E mais non pasou nada. Así que, desta volta, igual. Se non nos podemos xuntar, non podemos viaxar, non podemos vernos ou temos que eliminar as apertas, penso que, como seres humanos que somos, estamos capacitados para poder facelo e sobrevivir a isto (e moitísimo máis). Ten maior sentido aínda se a decisión de mudar a tradición responde ao desexo de gardar a saúde dos outros.
Pensen nos moitos días que nos quedan por diante para recuperar estas cousas. Quédannos se o facemos ben. Por iso hai que poñer o máximo posible da nosa parte. Porque o agasallo deste Nadal pode ser un futuro mellor. Así que fagan memoria dos últimos nove meses e pensen en todo aquilo que lles roubou o sorriso. Quizais nin sequera o recuperasen desde entón. É o momento de cambiar as tornas. Fagámolo. Por nós e polos demais. Porque isto aínda podemos remedialo.