As linguas de Gabriel Aresti

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Necesitamos pedagoxía social. Moita pedagoxía social e menos arroutadas, proclamas excluíntes, manifestos simplistas dunha realidade complexa como a que caracteriza o Estado español, que Castelao denominaba Hespaña, e que, aínda que moitos se asusten, é unha realidade pluricultural, lingüisticamente diversa e plurinacional. De cando en vez volven as vellas pantasmas, que non sei se son produto do medo ou da ignorancia, quizais de ámbalas dúas cousas. Outra vez volven os defensores patrióticos do castelán, que seica está ameazado nalgúns territorios; e un olla arredor e non entende nada, ou entende todo, que é peor. Aínda non hai pouco que o Consello de Europa chamou a atención sobre a situación esmorecente do galego, por exemplo, aconsellando un maior compromiso no seu uso nas escolas por parte da Administración. O mesmo Consello de Europa que salienta a incorporación de novos falantes en éuscaro e catalán, fronte a diminución do galego, por máis que as nosas autoridades lingüísticas teimen en non querer velo así.

 

A Real Academia Galega vén traballando dende hai meses nunha acción común, xunto coa Euskaltzaindía e o Institut d'Estudis Cataláns, na necesidade de promover, nas institucións e nos foros públicos do Estado, unha política de información e encontro sobre a diversidade lingüística, que debemos entender coma un patrimonio compartido, tal que o contempla a Constitución, non un adorno, nin furúnculos incómodos.

Os patrimonios cultívanse, deféndense, compártense coma unha riqueza. Os furúnculos extírpanse. Propuxémolo en Donostia, cando a celebración do centenario da academia vasca, e mesmo invitamos daquela á Real Academia Española, que non contestou, mais que se pronunciou recentemente, preocupada (mira ti!) polo castelán ameazado.

Pedagoxía social, tal que propoñía hai anos o novelista andaluz Manuel Andújar (A Carolina 1913-Madrid, 1994), a prol dunha presenza activa nas escolas de toda España das linguas e as culturas que compartimos. Ou a que nos ensinaba na práctica a filóloga Empar Pineda (Hernani, 1944), dirixente do Movemento Comunista nos anos 80, que foi a única persoa á que sentín falar éuscaro, catalán, galego e castelán, segundo o poema de Gabriel Aresti (Bilbao, 1933-1975) dedicado ao seu amigo Tomás Meabe: «Pecha os ollos e durme, Meabe./ Non é español quen non sabe/ as catro linguas de España».

Aresti é un dos grandes da literatura en éuscaro. Eu diría que é un dos grandes poetas universais, autor de libros tan emocionantes como Harri eta herri (Pedra e pobo, 1964) e de poemas tan intensos como Nire aitaren etxea (A casa do meu pai). Criárase de neno en castelán e incorporouse de mozo ao éuscaro: dramaturgo, novelista, tradutor ao seu idioma de Lorca, Eliot, Bocaccio, Joyce e, entre outros, de Castelao e Valentín Lamas Carvajal, O catecismo do labrego (Nekazarien dotrina, 1969).