Sísifo feliz

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Kiko Huesca | Efe

19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cústame ver a felicidade en Sísifo», dicíame hai pouco Manuel Guede, o encenador galego que mellor entendeu o teatro Albert Camus. O Nobel francés escribiu en 1942 O mito de Sísifo, un ensaio que ten un comezo célebre: «Só hai un problema filosófico realmente serio: o suicidio». Nel, Camus demostrou a posibilidade rebelde de acumular un vitalismo extremo que dea sentido á vida e nos salve do absurdo e o suicidio. Sísifo, ese ao que os deuses castigan a subir eternamente unha montaña cunha rocha ao lombo que cae ao chegar á cima, albiscaría a felicidade nese intre en que está no cumio e a pedra xa caeu. Segundo o meu amigo Guede, a Camus fóiselle a cabeza con tanto vitalismo, igual ca a ese Sísifo que esquece por un intre a súa condena.

Hai milleiros de Sísifos atados de por vida a unha cama e a casas convertidas en cárceres. Velaí a realidade máis parecida a esas condenas dos deuses, tan dados aos castigos eternos coma estes estados de hoxe onde a ética é herdeira dun moralismo relixioso que, ante a dúbida, nunca opta pola liberdade. Igual ca o suicidio, a eutanasia é seguramente o maior acto de liberdade e valentía das persoas que, aproveitando ese leve intre en que Sísifo albisca a liberdade (ás veces un marido farto de ver sufrir á muller que ama, ás veces un médico que sabe do insalvábel de toda dor), deciden se morren e rematan a condena, ou viven, pero coa dor do castigo.

Non é obrigatorio aproveitarse desta lei de eutanasia aprobada, por fin, para que albisquemos a enfermidade coa esperanza rebelde de Camus. É só un xesto libre que os moralistas poden non usar, aínda que temo que correrán a firmar os papeis, igual que fixeron co divorcio e o aborto en canto foron legais.