Números

OPINIÓN

Elvira Urquijo A. | Efe

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un meu amigo, non moi amante das festas de Nadal, preguntoume o outro día en que liña de afinidade se atopaban os cuñados. A súa pregunta tiña por obxectivo saber se, nas contas que botan os políticos, el podería librarse deses parentes e desas discusións absurdas, as máis das veces ideolóxicas, que se acenden segundo se lle dá ao dente e un se apega ás botellas. Na conversa co meu amigo trazamos o punto exacto das liñas consanguíneas e de afinidade, mais non tiramos en claro até onde chegará o poder de decisión comunitario que xa está a barallar cadanseu dirixente autonómico. Esa exclusión dos cuñados dependerá tamén do numerosa que sexa a familia e de franxa grupal que se estipule. O presidente galego adianta a posibilidade de que non sumen os nenos, eses seres rebuldeiros e ruidosos que adoitan ser no Nadal os protagonistas exclusivos. E Madrid, que sempre vai á contra, seica anda en cifras paradisíacas de dez familiares por casa, toda unha multitude nestes tempos de restricións, número do que non gusta o meu amigo, porque esa cantidade, por forza, incluiría a cuñados e as contas sairíanlle furadas.

Teño para min que non queremos aprender. O perigo de vermos a vacina tan próxima fai que se nubre a perspectiva do horizonte e non nos decatemos do perigo ao que, con esas ceas numerosas, nos expoñemos nós e os nosos maiores. Non se trata de deixar o cuñado fóra da cea, senón a covid-19. E por moito que adoremos estas festas e a posibilidade de estarmos con toda a familia, usemos o sentido o común e desconfiemos da oferta xenerosa de quen nos poida gobernar, porque, se cadra, na resaca do Nadal nos atopemos cos cuñados no cemiterio para despedirmos os nosos maiores.