Ovnis

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Carlos Castro

16 dic 2020 . Actualizado a las 20:19 h.

Poucos teñen a fortuna de coñecer a alguén que afirme que si, que os viu, que existían. Os ovnis. Obxectos voadores non identificados que o Mariló foi quen de identificar, lonxe, nos Monegros. Naquela zona era moi coñecido nos seus tempos de emigrante, pescadeiro e descubridor do Gran Sol, ese lugar onde segundo o meu amigo sempre vai bo tempo. Ía de arriba abaixo coa súa furgoneta. Un encargo aquí, un choio alá, un pedido que atender. Levantábase cedo e non deixaba de facer quilómetros. Por iso, cando chegaba a noite, o Paco Mariló estaba rebentado e só quería encontrarse coa súa Malucha e co seu sofá. Non sei se sería o cansazo, ou a néboa, ou unha súbita alucinación a que empuxou ao Mariló a baixar a velocidade da furgoneta. Viu varias bolas con luces correndo dun lado para outro. Eran ovnis, pensou. Daquela non había móbiles. Detivo o vehículo. Deluvou os ollos. Non podía ser certo. Mesmo saíu da furgoneta para comprobar que non era falsa aquela imaxe. E non o era. Cando conta esa historia, que na cuadrilla escoitamos mil veces, sempre afirma que «ía a Zaragoza, ao Ebro, a buscar peixe». E bótase a rir. Despois vén o dos ovnis. Cinco contou el. E cinco eran. En Andorra, un periodista interesouse polo relato do Mariló e dirixiuse aos Monegros. Ao día seguinte quedou co Paco nun bar. Pediu unha caña. Outra. «Era certo ou non era certo o que vin?», preguntou o Mariló. O xornalista dixo que si, que non mentía. «Eu nunca minto», aseverou con orgullo. Na terceira caña o periodista díxolle que nos Monegros, de noite, os tractores poñen luces mentres fan os seus labores no campo: arar as leiras. Cinco tractores viu o Mariló. Hoxe aínda pensa que foron ovnis.