A política non é administración pero aquí confúndense de cote as dúas. En España e nos estados federados de América do Norte, para referirse ao poder, fálase da política como administración pero por razóns moi diferentes. Nos Estados Unidos o poder é do pobo dende a súa fundación constitucional e os políticos elixidos só o administran, mentres o exercen por mandato popular electoral. Gobernan temporalmente a administración, non exercen un poder que só é do pobo. Outra cousa é quen forma ese pobo, que en América tardou moito tempo en incluír aos que non eran homes brancos. En España o igualitarismo de dereitos pugnou dende a primeira Constitución, até agora mesmo, co elitismo aristocrático, non o da riqueza senón o do sangue e a herdanza.
Aquí o concepto de administración como política deseñouno non hai tanto tempo a Lei de Procedemento Administrativo de 1958, reguladora dunha administración sen política pero con poder. O seu artífice foi un catedrático de Dereito Administrativo que daba aulas onde eu imparto as miñas, no andar baixo da universidade compostelá. Laureano López Rodó identificou a administración coa política, na procura de definir o imposible nunha ditadura de orixe e práctica totalitaria: un Estado de dereito, nun réxime de non dereito. Aquela foi a primeira lei que o intentou -ata onde era posible en ditadura, que non era moito- e en boa medida o logrou. Despois viñeron outras leis como Lei Orgánica do Estado, acompañadas da idea de lexitimidade de exercicio a falta doutra. En ausencia de Constitución, administración, para evitar, como escribiu Vaquer Caballería, a «diversidad de soluciones reglamentarias para problemas jurídicos que, por su misma formalidad, son generales y comunes». Organizar a arbitrariedade sen lexitimidade era o que procuraba o réxime en 1958 para fuxir do pasado incómodo que a Europa da posguerra lle lembraba.
A regulación da administración tiña tradición en España, en 1889 fixérase a primeira, asinada por Gumersindo de Azcárate. Pero na segunda década da ditadura esa nova Lei de Procedemento Administrativo tiña un cometido diferente: intentar establecer un estado con dereito nun estado sen dereito, fundado no golpe e na matanza. Logrouno na práctica e por iso o Dereito Administrativo segue sendo hoxe, en España, máis importante que o Dereito Constitucional. Aquela lei inspirada por López Rodó foi un fito tan decisivo que aínda pervive o seu efecto, como perviven, por exemplo, as estatuas do pórtico na man da familia do ditador. Outras moitas foron revertendo, como Meirás. Segue sendo importante distinguir a anomalía histórica da normalidade democrática. O pasado pésanos sen que o saibamos e a historia alívianos dese peso con coñecemento.