Unha cuestión de fondo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Larry Downing

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Releo a estimulante entrevista que o pasado domingo publicaba este xornal con Barack Obama, expresidente dos Estados Unidos de América. «Se non podemos distinguir o verdadeiro do falso», di, «a democracia periga». E mergúllome (mergullámonos) na vertixe da datos, estímulos, apupos, opinións, noticias, referencias de toda clase que recibimos arreo, dende que acordamos pola mañá ata que nos deitamos pola noite, a través dunha arañeira de voces, máquinas, plataformas, publicidade, intermediarios de comunicación de masas, etcétera, que nos aguilloan seguido, procurando cada quen levar a auga ao seu rego. Corremos detrás dun autobús que non sabemos onde vai nin quen o guía. Tamén neste aspecto temos que aprender a vivir.

A gran conquista das democracias contemporáneas reside no recoñecemento de todas as voces (principio de pluralidade). Ata hai dous días as mulleres non tiñan ese recoñecemento. A idade para exercer o voto diminuíu nos últimos tempos, o que supón a ampliación da base social que se pronuncia. A obrigatoriedade ou non obrigatoriedade dese exercicio é outra cuestión a debate, así como a incorporación de persoas con certas limitacións psíquicas, etcétera… Todo dirixido a fortalecer, na medida do posible, a base da soberanía, sobre a que fundamentamos o sistema.

Mais os mecanismos son de carácter cuantitativo. Na antiga Grecia o voto estaba reducido a certos sectores da sociedade, que se consideraban cidadáns con tal dereito, por liñaxe, capacidade económica, posicionamento social... Pouco a pouco, as democracias modernas fóronse inclinando cara ao recoñecemento da universalidade (un individuo, un voto), acompañado de políticas educativas que afirmasen a calidade da cidadanía, xa que non é posible establecer outro tipo de peneira.

Pero iso aumenta tamén a vulnerabilidade. E aquí volvemos á preocupación do expresidente: «Se non podemos distinguir o verdadeiro do falso, a democracia periga». E quen determina o que é verdadeiro e o que é falso? As redes sociais introduciron un valor obxectivo que en parte veu regular o oligopolio das grandes empresas informativas (que teñen os seus intereses) e mesmo a impunidade das fontes (que demasiadas veces actúan en complicidade con aquelas). A existencia dos medios públicos xustifícase na procura dun equilibrio (por máis que na práctica o poder político impoña o seu discurso). Nas facultades de Xornalismo explicamos a diferenciación entre os feitos, que deben ser inequívocos, e a opinión, que debe presentarse claramente diferenciada. Defendemos a necesidade de audiencias informadas, educadas no espírito crítico. Mais quen as informa? Quen as educa? Con que principios? Recoñezo que a pregunta dá para bastante mais ca para un artigo destas características: Quen determina o que é verdadeiro e o que é falso neste xigantesco océano de ruídos?