Hai rumbo?


Parece que, agora si, todos queremos ser keynesianos. Pero ademais de poñerse o traxe, cómpre que os orzamentos respondan a un verdadeiro proxecto de país. Fronte á austeridade e aos recortes que a dereita aplicou con convicción en Galicia durante unha década tras a Gran Recesión, o novo paradigma europeo, que asume a importancia das políticas monetarias e fiscais expansivas, tamén chega a Galicia. Pero chega tarde, sen suficiente intensidade, sen concrecións axeitadas. Grandes números, pero sen contido.

 

Sen contido para enfrontar a reconstrución tras a crise máis profunda que se vive dende a Guerra Civil en España. De feito, no segundo trimestre deste ano a economía galega experimentou un descenso do 17 % no nivel de produción interanual, e os datos da segunda onda da pandemia alertan sobre a profundidade da crise ao longo de 2020.

Ante esta crise, é necesario ter orzamentos ben orientados. As políticas expansivas que o Goberno de España promoveu permitirán que cheguen a Galicia no 2021 máis de 1.100 millóns de euros dende o Estado e dende Europa, posibilitando un claro compoñente de crecemento do gasto na nosa comunidade. Pero, ademais de gastar, hai que saber como e en que, porque en caso contrario estaremos perdendo unha gran oportunidade para protexer ás persoas, salvar a economía e reactivar o país.

Quen nos dez anos anteriores á crise da covid permitiu que se perderan 70.000 postos de traballo en Galicia, quen ata o de agora só anunciou 17 millóns de euros para hostalería, quen oculta os 108 proxectos de inversión cos que aspira a captar fondos europeos parece evidente que non ten os galóns necesarios para pilotar axeitadamente o barco en tempos de tempestade. Por iso lamentamos que non houbese unha soa chamada do presidente da Xunta para acadar grandes acordos de país sobre os que basear os orzamentos.

Sabemos que o Partido Popular desconfía do público. E sabemos que estes orzamentos reducen o peso relativo da sanidade e da educación públicas no conxunto do gasto, que a inversión en igualdade é hoxe a metade que hai unha década, que carecen de compromiso co sector industrial e co medio rural. E o que resulta gravísimo tamén: cando os concellos protexen ás persoas, a Xunta redúcelles o seu apoio. Hai rumbo?

Por Gonzalo Caballero Secretario xeral do PSdeG

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Hai rumbo?