Controlar a trola

OPINIÓN

R.Rubio.POOL

14 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen nos dedicamos ao mundo da escrita sabemos ben que a verdade moitas veces non nos vale, aínda que tamén é certo que sempre nos gusta dicir que os feitos narrados teñen a súa base, ou inspiración, en persoas ou feitos reais, como nesas películas que adoitan coroar os finais coa referencia a unha realidade concreta que reforza a autenticidade da historia. Non sei se por pura sede de contaxio, a política tamén gusta da imaxinación. De feito, cada vez máis, vemos como os discursos se axeitan segundo a necesidade do momento e desembocan en argumentos ficcionais a partir dos que a verdade xa pasa a ser un dogma, a maioría das veces construído coa espectacularidade das mentiras. É certo que a realidade case sempre é plural. E todo discurso é por necesidade subxectivo, malia que no fondo exista unha enorme vontade de verdade. Cousa moi distinta é cando esa subxectividade traspasa todos os límites do rigor para se instalar descaradamente na mentira. Tal sería o caso da substitución dolosa levada a cabo por persoas e medios de comunicación que se resisten aos feitos e vician a imaxe verdadeira da realidade con trolas que se espallan polas redes coma unha enxurrada velenosa, capaz de danar institucións e a honra das persoas. Con todo, paréceme un pouco ousado, e perigoso, a vía lexislativa que, sobre o asunto, estuda o Goberno español. A democracia ten que garantir, si, o dereito de información, pero tamén, e por riba de todo, a liberdade de expresión. Por iso, sospeito que esa tentativa por parte do Goberno de conter as mentiras, poderá usala a oposición para lle lembrar que iso é propio dun poder ditatorial que recea da ficción e cae no engado de usar a censura para calar calquera tipo de voz que lle dea acubillo á rebeldía.