Ilusións e realidades

Pedro Puy
Pedro Puy ORZAMENTOS DO ESTADO A OPINIÓN DOS PARTIDOS POLÍTICOS GALEGOS

OPINIÓN

30 oct 2020 . Actualizado a las 07:56 h.

Parece ser que foi un dos ministros de Luis XIV de Francia o que dixo, a finais do século XVIII, aquilo de que a arte dos impostos consiste en desplumar un ganso sen que gralle moito. Século e pico despois o italiano Puviani formulou a teoría da ilusión financeira. E hoxe, outro século e pico mediante, e grazas a algún dos grandes economistas públicos contemporáneos (Buchanan, Stiglitz), sabemos que convén ter en conta que os orzamentos agochan baixo un bo feixe de plumas de ilusións financeiras o ganso da realidade.

O proxecto de Orzamentos do Estado para 2021 é un fabuloso exercicio de ilusión financeira. Como mostra, algún exemplo collido a voa-pluma. Para 2021 prevese un crecemento da economía española do 9,8 %, cifra sobre a que descansa a previsión dos ingresos tributarios. Hai uns días, cando se aprobou o teito de gasto, a previsión de crecemento que facía o mesmo Goberno era do 7,2 %, en liña coas previsións da Comisión Europea. E lonxe das realizadas por organismos independentes, como o Banco de España, que prevé un crecemento máis próximo ao 4,1 % que ao optimista 7,3 % (no que asume o fin da pandemia); ou a OCDE e o FMI, que auguran un 5 %.

Semellantes desaxustes explican o sen sentido de que a recadación total prevista para 2021 (222.000 millóns de euros) sexa superior (si: superior) á obtida en 2019 (212.000 millóns de euros), antes da pandemia e o parón da actividade en 2020. Unha recadación inverosímil, iso si, recuberta da ilusión da progresividade aplicada por un Goberno progresista que sobe os impostos (a diferenza do portugués), e máis os indirectos que os directos: os impostos aos ricos e ás empresas representan menos da quinta parte da recadación imputable ás subas tributarias, e as restantes catro quintas partes correspóndense ao IVA, ao diesel, aos residuos, aos servizos dixitais, etcétera. O forte crecemento dos gastos tampouco parece realista, á vista da previsible evolución da pandemia: ¿é razoable prever que só será necesario aboar un mes de ERTE entre xaneiro e decembro do ano que vén? Pese á incorporación ás contas de boa parte dos aínda non concretados fondos europeos, o déficit vai ser moi superior ao estimado no proxecto (-7,7 % do PIB), e estará con seguridade máis próximo ao que prevé o Banco de España (no entorno do -9,9 %).

Unha ollada rápida ao gasto territorializado, que recolle subas dos investimentos en Cataluña ou Valencia por riba do 50 % (mentres Galicia cae un 11,4 %); ou o feito de que a transferencia corrente que máis sube de todo o orzamento (un 109 %) sexa a que se realiza ao País Vasco para financiar o sistema de concerto, reflicten outra realidade. Co grande Fuentes Quintana moitos aprenderamos que un orzamento público é, fundamentalmente, o plan económico dunha comunidade política. Unha ilusión. Se desplumamos de ilusións financeiras os que vén de presentar a coalición Sánchez-Iglesias, o ganso que queda é un plan político para aguantar no goberno.