Aerosois e máscaras

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

19 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante meses dixéronnos que o covid-19 non se transmitía polo aire. E agora resulta que, xunto ás pingas, que, segundo dicían , caían ao chan e alí morrían, hai outras moi finas, que flotan no aire e aí mantéñense durante minutos, listas para buscar unha mucosa humana. 

Tamén durante meses dixéronnos que debemos usar as máscaras hixiénicas ou cirúrxicas, e como usalas: lavalas as mans antes e despois de poñelas, non tocalas excepto nas gomas, non tocarse a cara mentres a levamos posta, non quitala para tusir ou esbirrar… E para soarse? Ou deixamos caer nelas os mocos? E todo isto para protexer aos outros, porque a nós non nos protexe dos virus de quen vai sen máscara, que son moitos. Eu saio todos os días a andar con máscara cirúrxica, e adiántanme ou me cruzo con decenas de corredores, sen máscaras, que refolgan a pleno pulmón. E tamén con xente a quen non lles dá a gana de poñela. As beirarrúas non son moi anchas e se un se baixa á calzada corre o risco de ser atropelado. Imaxinen a cantidade de aerosois que se depositan sobre os que saímos con esa máscara azul. Por que seguen recomendándoa? Non se me ocorre máis razón que o prezo das FFP ou as N95.

Por que non se subvenciona a fabricantes para conseguir máscaras protectoras a un prezo alcanzable ? Ou por que non se toman medidas drásticas para que todo bicho vivinte leve as cirúrxicas? Neste momento, o que temos no mercado son máscaras para protexerse a un mesmo desde tres euros (e un só uso ), e as que protexen aos outros, as de 0,90. Ou sexa, máscaras para clase alta e máscaras proletarias.