Por rutina

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

15 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un bar dos de toda a vida, familiar, de café con churros no mencer, viño económico e pincho pola tarde. As cousas comezaron a ir mal hai tempo, cando o sol deixou de pasar por aquela vila: glorioso pasado, aboengo, orgullosa de si mesma, linda. Os clientes máis fieis, perduraban. Entre eles, un meu amigo. Non perdoaba o seu cortado das once. Comezou a pensar que as cousas non eran as mesmas, de prosperidade, cando o dono do bar dicía sete veces «bos días». O meu amigo contestaba cortesmente: bos días. Sete veces tamén. Chegou un tempo en que el era un dos escasos clientes daquel bar veterano. Díxome que parecía imposible que o negocio puidera manterse en pé. Unha xornada contabilizou os clientes que entraban na cantina. Quince no día. Unha media de dous euros por persoa e iso non dá para vivir unha familia, contoume. El había veces que tomaba un par de cortados, para colaborar. Ata que unha mañá o fillo do dono afirmou que non facía falta. Un resultaba suficiente. En realidade, naquel lugar xa todo era decadencia. A vila máis importante da provincia, un referente comercial e turístico de Galicia, o val vizoso e fértil esmorecía inexorablemente. É o signo dos tempos, comentaba o mozo do bar. Resignado. O meu amigo quixo saber os motivos que levaban a tres persoas, nai, pai e fillo, a levantarse ás seis para abrir un local ruinoso. Despois de que o propietario dese ao meu amigo sete veces os bos días, despois do cortado, preguntou. O mozo, con carreira e cultura, contesta: por rutina. Quizá esa é unha das apreciacións máis sabias que escoitei nos últimos tempos de covid e tristeza e politiqueo fofo e traxedia: por rutina. Convén non perdela para seguir adiante.