Os madrileños e a ponte

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Víctor Lerena

13 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha ocasión Francisco Ayala díxome ,baseándose na súa experiencia de exiliado, que non eran os galegos os que máis estrañaban a súa terra natal senón os madrileños. Cando eu cheguei a Madrid para facer alí a carreira que entón non se podía estudar en Santiago, sorprendeume que madrileños de pura raza, de pais e avós, había moi poucos. Alí xuntábase xente de todas partes e quizá por iso ninguén se sentía estranxeiro ou diferente. Ao longo dos anos descubrín unha característica que aínda hoxe me sorprende: aquela xente tan amante da súa cidade, que non a cambiarían por ningún outro lugar, como moitas veces oín dicir, en canto hai dous días de festa saen escopeteados a gozalos noutra parte. E non é que agora haxa contaminación ou polo asunto do covid-19. Hai cincuenta anos, canto tiñan un aire que chegaba limpísimo do Guadarrama, facían o mesmo.

Por iso sorprendeume que o alcalde Martínez Almeida, que é madrileño case de pura raza, pedise aos seus concidadáns que non saíran de Madrid na ponte do 12 de outubro. Nin que non os coñecese. Saíron, sufriron o rexeitamento dos pobos aos que se dirixiron, dos veciños que lles negan o saúdo e denúncianos á policía local, e probablemente non contaxiaron a ninguén porque lles fixeron o baleiro. E aos dous días volven a Madrid e someteranse a todas as restricións da pandemia… ata a próxima ponte. Quizá a explicación dese mini éxodo repetido estea no que dicía Ayala. Vanse para experimentar a alegría de volver á súa cidade.