Mafalda

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alberto Morante | Efe

A idade, en moitas ocasións, vainos facendo conscientes das teimas, paixóns, fortalezas ou eivas. Ofrécenos unha imaxe máis clara do que, quizais para os demais, xa era evidente. Lembro con especial agarimo un dos primeiros agasallos que me fixo miña irmá cos seus propios aforros. Era un libro de Mafalda, con tapas duras, enorme. Hoxe segue ocupando un lugar privilexiado no andel dos libros especiais.

Tamén lembro a emoción e as ganas que tiña ela de darmo. Sabía que me ía encantar. Eu, que lía a Mafalda marabillada, non era consciente naquel entón do evidente que resultaba a miña devoción por aquelas historias. Mafalda facíame rir, sorrir e reflexionar. Moito. Sentía un profundo respecto por ela, precisamente porque me ensinaba a ser respectuosa. Soltaba pequenas frases que se convertían en grandes laxes sobre as conciencias. Cada tira era unha pílula combativa, tremendamente eficaz.

Mafalda está tocada da xenialidade, esa que saía do corazón, a cabeza e o lapis e Quino, o seu inimitable papá. Como non podía ser doutro xeito, indaguei tamén na vida del, para seguir marabillándome.

Que elegancia desprendía todo. Liberdade era a amiga máis pequerrecha (en tamaño), tan diminuta que ás veces custaba atopala. Só a el se lle podía ocorrer chamar Burocracia a unha tartaruga.

Ai, Quino, como te botamos xa de menos! Formas parte de tantas vidas... Grazas pola túa bondade, por deixarnos a Mafalda, que tanto me axudará a compartir infancia coas miñas fillas. Oxalá puidera pedirche: volve!